Sandra Rabuñal

Sandra Rabuñal

Hoxe entrevistamos a Sandra Rabuñal, compañeira da Clínica Solidaria da Coruña. Sandra, hixienista e protesista dental de 37 anos, residente en Arteixo, soubo de Odontoloxía Solidaria cando o proxecto de abrir unha clínica na cidade galega aínda estaba en fase embrionaria. Implicouse desde o principio na iniciativa e neste momento é a Delegada Social da clínica. Nesta conversa explícanos as razóns polas que desenvolve traballo voluntario no seo da Fundación.

—Estás na clínica da Coruña desde o principio. De feito, fas parte do proxecto desde antes de que abrira.

—Si. Coñecín a Ana Otero nunha palestra no Colexio de Hixienistas á que ela fora presentar o proxecto. Diso hai xa case cinco anos. A min sempre me interesou moitísimo a cooperación e actividades semellantes. Estiven nalgúns proxectos de cooperación internacional en Marrocos e un par de veces máis no Senegal, cunha ONG que se chamaba Solidariamente, que colaboraba coa Fundación Vitaldent. O proxecto de Odontoloxía Solidaria é diferente, claro, mais interesoume deseguida, porque a verdade é que, a min, a profesión gústame ben…

A clínica tardou moito tempo en abrir as portas…

—Case catro anos, si. En todo ese tempo sempre mantivemos o contacto, e estabamos a desexar que por fin se abrise. Foi un proceso con moitas trabas, sobre todo do punto de vista político. Houbo un momento en que estiven menos en contacto coa xente, porque estaba a preparar unhas oposicións e moi centrada no meu traballo, mais desde o principio contaron comigo, até que por fin a clínica puido abrir.

—A experiencia até hoxe, é positiva?

—Moi boa. Hai moitísimo compañeirismo. Cando fas algo no que todo o mundo comparte unha mesma inquietude, as cousas funcionan mellor. A todos nos gusta a nosa profesión, e a inquietude que temos é facelo a cambio de nada para axudar a xente que non pode pagar os tratamentos. Sempre é preciso pensar que, o diá de mañá, quizá a vida dá unha volta e podemos estar nesa situación complicada nós… Somos 46 voluntarios, e entre todos traballamos o mellor posible. A experiencia é positiva, si.

—Que nos contas da relación coas persoas pacientes?

—O perfil de paciente que vén á nosa clínica é o de persoas en situación marxinal, sendo moitas estranxeiras. A min o que máis me custa é o idioma: non falo francés nin árabe, só algo de inglés, mais con boa vontade vas entendéndote con eles. Tentas tranquilizalos e explicarlles que non lles vamos facer mal, que estamos aquí para axudar. Mostrámoslles que non é unha clínica convencional, onde quizais lles berran se non aplican ben as técnicas do lavado dos dentes, que nós estamos aquí para tentar solucionar o seu problema o mellor que poidamos, e facémoslles ver que poden contar connosco para os axudar. E claro, nótalo na reacción dos pacientes. A xente é ben agradecida; tráennos cousas… Ves a ledicia da xente, maiormente a nova, cando se van da clínica con dentes.

—Es a Delegada Social da clínica. Iso comporta aínda máis implicación…

—Desde abril do ano pasado, si. Esta responsabilidade implícame, é verdade, mais Ana axúdame moito. O noso labor basicamente consiste en mediar entre os voluntarios e ter todo un pouco organizado para que o traballo saia ben, porque nun local polo que pasa tanta xente, cómpre estar pendente de que non se acabe o material e outras cuestións.

—Finalmente, que dirías a unha persoa profesional da odontoloxía para que veña facer voluntariado con Odontoloxía Solidaria? Que motivos lle darías?

—Como che comentaba antes, transmitiríalle a reflexión de que quizais o día de mañá calquera de nós estea aí. E tamén lle diría que non vamos mudar o mundo, mais que se ninguén fai nada tampouco avanzaremos. A min gústame moito unha expresión da  madre Teresa de Calcuta, que nunha ocasión dixo que pode que ás veces sintamos que o que facemos é só unha pinga no mar, mais que o mar sería moito menos se lle faltase unha pinga. Iso é o que eu lle diría.

Pin It on Pinterest

X