SERRA LEOA, LUNSAR

En 2009, o Irmán Superior do Hospital de Sant Joan de Déu de Barcelona, Fernando Aguiló, contactou con Odontoloxía Solidaria para valorar a posibilidade de realizar un proxecto de formación, prevención e asistencia en saúde bucodental no St. John of God Hospital da cidade de Lunsar. O proxecto foi financiado pola Axencia Estremeña de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

O obxectivo principal do proxecto era mellorar a saúde bucodental da comunidade de Lunsar e da poboación de Serra Leoa en xeral, porque en todo o país apenas existen dous odontólogos oficiais. Achegamos todo o preciso ao hospital para obter unha clínica dental autosuficiente e sustentable. Aprovisionamos a clínica co material preciso e formamos 3 persoas enfermeiras en técnicas de odontoloxía e promoción da saúde oral.

Despois do período de formación, as persoas enfermeiras continuaban coa atención ás persoas pacientes até o seguinte período de formación, momento en que se avaliaba o traballo realizado e se daba continuidade á capacitación. No ano 2013 as persoas enfermeiras estaban perfectamente capacitadas e eran autosuficientes para aplicaren todos os tratamentos aprendidos.

A partir do ano 2014, entre maio e xuño, o brote descontrolado de ébola converteuse nunha crise humanitaria que colapsou todo o sistema sanitario serraleonés, ao non estar preparado nin dispor dos suficientes recursos para encarar unha epidemia destas características, onde o Hospital San Juan de Dios de Lunsar, en que colaboramos, como moitos hospitais, se viu obrigado a fechar e a pór o hospital en corentena despois de recorrentes infeccións de ébola.

Durante este período o hospital desinfectou todas as instalacións e adaptouse aos protocolos da OMS para poder encarar a epidemia. Por súa vez, formouse todo o persoal baixo supervisión directa do persoal da OMS.

Pin It on Pinterest

Share This
X