Rafael Pla

Rafael Pla

Rafael Pla García fai parte do equipo de voluntariado que garante o funcionamento da Clínica Solidaria de Albacete. Médico estomatólogo de 59 anos de idade, Pla dirixe a súa propia clínica privada, e fai parte tamén da xunta do Colexio de Odontólogas/os e Estomatólogas/os albaceteño, institución que tivo un papel decisivo na implantación de Odontoloxía Solidaria na cidade.

— Fas parte do equipo da Clínica Solidaria de Albacete desde o comezo, cando aínda era só un proxecto. Como foi o proceso?

— Todo comezou cando María Dolores Cuenca propuxo ao Colexio que lle dese unha man co proxecto, cando todo estaba a comezar a fraguarse. As primeiras reunións que se tiveron coa Fundación Odontoloxía Solidaria foron na sede colexial. María Dolores foi quen comezou con esta iniciativa, mais o Colexio decidiu implicarse inmediatamente…

— Para que todo saíse ben, tamén foron precisas outras complicidades, non é?

— Si. Maiormente do Concello e a Deputación, que nos cedeu un local, primeiro nun sitio e, máis tarde, no local actual. As institucións responderon moi ben. Tamén houbo contactos con Cáritas, coa Cruz Vermella e cos Servizos Sociais do Concello, para que canalizasen a admisión de pacientes. Esta é unha parte moi importante do protocolo que se segue en Odontoloxía Solidaria.

— Como acolleu a iniciativa a cidade?

— Moi ben. Hai un ímpeto que fai que en Albacete se coñezan os servizos que estamos a prestar. De feito, o problema que temos é que se nos vai acumulando a lista de espera.

Coa crise, moita xente tivo que limitarse aos tratamentos que ofrece a Seguridade Social. Fomos testemuñas de como se lles facían as extraccións e despois se interrompía o tratamento porque non hai máis cobertura. Faltaba un elo que puxemos nós, porque facemos moito traballo en odontoloxía conservadora e en tratamentos periodontais. Tamén é certo que ás veces hai un pouco de confusión cunha certa franquía que se gaba dunha “odontoloxía social”, o que leva a que algunha xente se confunda, porque en realidade non ten nada a ver co noso. Anóxanos moito esta confusión, porque esta franquía ampárase no social, e é mentira. En realidade, aprovéitanse de compañeiros e desenvolven unha práctica moi má. Pero creo que cada día a xente está a saber diferenciar máis o que fai esta franquía e o que facemos en Odontoloxía Solidaria.

— Falabas antes da limitada cobertura odontolóxica da Seguridade Social. Paréceche que a situación se podería reverter a curto ou medio prazo?

— Eu penso que non. A Seguridade Social cada vez está máis en quebra, e é imposible que mude a situación por máis que os políticos queiran facer demagoxia. Suporía un custo económico que, na miña opinión, a Seguridade Social non pode asumir neste momento.

— Unha vez aberta a Clínica Solidaria de Albacete, tamén te implicaches nela como voluntario…

— Claro que si. É algo moi gratificante. Cantas máis veces vas, mellor te sentes. Eu vou co meu asistente. Estamos a encargarnos das próteses. Tamén vai unha filla miña outra tarde, cada quince días, co seu asistente. Todos os que facemos voluntariado saímos moi satisfeitos: ves que podes axudar, encontras boa xente e prestas un servizo a quen o precisa… Eu recoméndollo a todos os compañeiros, porque coa demanda que temos, se fósemos máis voluntarios poderiamos ampliar o horario. En breve, celebraremos a asemblea do Colexio e exporemos o tema, a ver se podemos captar máis colaboradores.

— Persoalmente, que te motiva?

— Pór o meu gran de area, colaborar para paliar un pouco a desigualdade que hai. Ofrecer o que mellor sabes facer a quen máis o precisa.

— É a túa primeira experiencia nunha ONG?

— Si. Antes colaborara nalgunhas iniciativas, mais dunha forma moi puntual, non coa continuidade de agora. No entanto, os meus fillos dentistas si estiveron vinculados con entidades deste tipo, traballando en países como Birmania, Ecuador ou República Dominicana.

— Que nos podes dicir do trato cos pacientes que acoden á Clínica Solidaria?

— O primeiro é tentares pórte ao seu nivel. Encontras moitos inmigrantes e, ás veces, tamén xente que tivo moi má vida. Para que os pacientes se sintan ben atendidos, eu penso que é importante preguntarlles polas súas cousas e ás veces encontras historias ben duras.

Hai algún tempo atendín un antigo compañeiro de colexio na escola primaria que pasara 22 anos no cárcere por un tema de tráfico de drogas, e felizmente agora está rehabilitado. Son situacións que dan para pensar, e que sen dúbida fan a un crecer como persoa. Vivimos nun mundo moi afastado destas situacións e, aínda que lemos cousas deste tipo, nunca é o mesmo que estar a falar con estas persoas, coas que acabas por sentir empatía.

Pin It on Pinterest

X

Odontoloxía Solidaria utiliza os testemuños de conexión (ou cookies) para mellorar a vosa experiencia no noso sitio web. Ao continuares a usar o noso web, estás a aceptar a instalación de testemuños de conexión, nos termos establecidos na nosa Política de testemuños de conexión. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Pechar