Actualidade

Odontoloxía Solidaria no Congreso Nacional SESPO

Os voluntarios de OS a coñecer as actividades da Fundación no Congreso celebrado en Girona

A Fundación Odontoloxía Solidaria tivo presenza no XXIII Congreso Nacional da Sociedade Española de Epidemiología e Saúde Pública Oral (SESPO), celebrado os pasados días 20 e 21 de outubro na cidade de Girona. A mencionada entidade, que iniciou a súa andaina hai xa 25 anos, desenvolveu durante a celebración deste Congreso un extenso programa científico que, como reflicte o boletín electrónico da propia SESPO, “serviu de foro para actualizar e intercambiar opinións sobre os factores de risco das enfermidades orais, promovendo as tendencias actuais onde a prevención é unha parte máis do tratamento“. Os diversos relatores trataron neste marco cuestions como a atención bucodental infantil ou nas persoas anciás, entre outros temas.

A Dra. Agnès Ministral, presidenta do Congreso, cóntanos que sintese satisfeita cos resultados do encontro, ao que asistiron 210 persoas, destacando que “os temas científicos tratados foron de interese, como demostra a gran participación dos asistentes nos debates e mesmo o impacto que tivemos nas redes sociais”. “Doutro lado –prosegue– procuramos que fose un Congreso saudable no sentido amplo da palabra, mediante iniciativas como as ‘pausas activas’ que se realizaron”. “O clima foi excelente tanto a nivel científico como humano”, destaca.
Odontoloxía Solidaria foi unha das ONG do sector bucodental con presenza no Congreso SESPO, dando a coñecer as actividades da Fundación entre os asistentes. Alba Murillo, unha das voluntarias de OS que acudiu a Girona, fai tamén un balance positivo da experiencia. “Estableceuse un ambiente moi familiar entre os asistentes –cóntanos–, o que propiciou que puidésemos explicar a moitos deles que é a Fundación e cal é o traballo que realiza“. Como froito destes encontros, engade, Odontoloxía Solidaria terá a posibilidade de dar a coñecer a final do presente curso universitario a súa existencia, métodos e valores a estudantes de quinto curso de Odontoloxía da Universitat de Barcelona, feito que sen dúbida supoñerá un potencial de novos voluntarios susceptibles de integrarse na nosa organización.

Voluntarios de OS participan na acción solidaria de Dentists 4 Refugees en Grecia

Unha brigada de voluntarios de Odontoloxía Solidaria viaxará o vindeiro mes de novembro a Grecia, co obxectivo da colaborar na acción solidaria emprendida en febreiro de 2017 por parte de Dentists 4 Refugees. Trátase dunha iniciativa destinada a velar pola saúde bucodental dos numerosos refuxiados establecidos no país, potenciada pola Comisión Social do Col·legi Oficial d’Odontòlegs i Estomatòlegs de Catalunya xunto ás organizacións non gobernamentais Odontoloxía Solidaria, Dentistas Sen Fronteiras, Zerca y Lejos e Amb les Teves Mans, en colaboración con InWoCaDe Foundation e Khora Foundation.

Os voluntarios traballarán nunha clínica dental da cidade de Atenas aberta a finais de 2016 co obxectivo de atender aos refuxiados sirios, afgáns e doutros países que fuxiron dos conflitos armados dos seus respectivos países, e que desde hai longo tempo atópanse en Grecia, asentados en campos de refuxiados establecidos polas autoridades locais ou en distintos asentamentos non oficiais.

A situación destas persoas refuxiadas constitúe unha crise humanitaria sen precedentes. As accións emprendidas polas autoridades gregas, a Unión Europea e as Nacións Unidas resultan claramente insuficientes para facer fronte ao problema. Organizacións non gobernamentais e persoas a título individual asumen a imprescindible axuda humanitaria no país, aínda que a necesidade segue sendo aínda moi grande.

As organizacións internacionais de saúde que traballan sobre o terreo, constataron entre as principais patoloxías que afectan ás persoas refuxiadas en Grecia os trastornos psicolóxicos, as enfermidades crónicas descontroladas e as enfermidades bucodentais. No ámbito odontolóxico –e tendo en conta que a Seguridade Social grega non ofrece prestacións neste ámbito nin para os cidadáns do país nin para os refuxiados–, a falta de asistencia provoca que día tras día aumente a morbilidade de orixe bucodental.

Odontoloxía Solidaria está implicada na iniciativa Dentists 4 Refugees desde o momento no que empezou a fraguarse este proxecto para mediados de 2016, e desde entón foron diversos as viaxes de voluntarios da nosa Fundación a Grecia, co obxectivo de paliar na medida do posible a situación. Con todo, seguen sendo imprescindibles novos voluntarios para afrontar esta crise humanitaria. Os profesionais do sector bucodental (odontólogos, estomatólogos, hixienistas e auxiliares) interesados en implicarse neste proxecto, poden contactar para ese efecto coa Comisión Social do COEC mediante o correo electrónico social@coec.cat.

Máis de 8.700 horas de traballo voluntario durante o primeiro semestre do ano

Dúas voluntarias de atendéndovos a un paciente na clínica da Coruña

Os voluntarios de Odontoloxía Solidaria realizaron entre os meses de xaneiro e xuño de 2017 8.751 horas de traballo altruísta nas diferentes clínicas da Fundación. A cifra reflicte un incremento durante os resultados correspondentes ao ano anterior, xa que durante o mesmo período de 2016 o número de horas foi de 8.675,5. Este é o resultado do compromiso dos 257 voluntarios activos cos que conta a nosa entidade neste momento, profesionais e estudantes pertencentes ás distintas ramas da odontoloxía.

O grupo maioritario de profesionais implicados nos obxectivos e valores da Fundación é o dos odontólogos (123 voluntarios), seguido polo de hixienistas (52) e estudantes da materia (35). Auxiliares de clínica (22), hixienistas en prácticas e persoas correspondentes a outros perfís (9 en ambos os casos), complementan a radiografía do voluntariado da Fundación, xunto aos auxiliares administrativos (7) que tamén prestan servizo na organización de modo desinteresado.
Grazas ao esforzo de todas estas persoas, ao longo do primeiro semestre de 2017 Odontoloxía Solidaria atendeu nas súas clínicas a un total de 2.823 persoas que, por mor da súa situación socioeconómica, doutro xeito non terían a posibilidade de acceder aos tratamentos en materia de saúde oral que precisaban, Cabe destacar que 227 destes pacientes eran nenos de ata 18 anos de idade.
Os usuarios que se trataron nas clínicas de Odontoloxía Solidaria, chegaron á Fundación derivados na súa maioría por distintos Servizos Sociais municipais (54,2% dos casos), aínda que tamén por Centros de Saúde (43,7%) e entidades do Terceiro Sector (1,9%).

Terceiro concerto en beneficio de Odontoloxía Solidaria en Valencia

O Palau de la Música de València

O Palau de la Música de València acollerá un concerto en beneficio de Odontoloxía Solidaria do que a Piccolo Unión Musical de Mislata será a protagonista. A cita será o próximo 11 de xuño (19:30 horas) na Sala Iturbi do Palau. É a terceira vez que a referida formación musical actúa en beneficio da Fundación, após as espléndidas sesións acontecidas en 2013 e 2015.

Desta vez participarán na gala catro agrupacións da Piccollo Unión Musical de Mislata. Na primeira parte, poderemos gozar da Banda-Orquesta Cracks, dirixida por Inma Moya, e da Jove Banda, baixo a dirección de Alejandro Galarza. Despois do descanso, ocuparán o escenario da Sala Iturbi a Orquestra Sinfónica da UMMI, dirixida por José Antonio Cavero, e a Banda Sinfónica da UMMI, novamente dirixida por Alejandro Galarza. Esta última agrupación actuará acompañada dun coro de 200 cantoras e cantores.

Esta variedade de formacións permite, segundo indican desde a Piccolo Unión Musical, “observar os valores que transmite a música, desde os intérpretes máis novos até os nosos maiores”. A iniciativa envolve un equipo de vinte persoas a traballaren para a coordinación dos 300 músicos e músicas que pasarán polo escenario.

As e os artistas prepararon un programa “moi diverso e e ameno”, do que nos adiantan a presenza no repertorio de pezas “moi espectaculares e para todos os públicos”, como Danzón núm. 2 para orquestra, de Arturo Márquez, Libertadores, de Óscar Navarro, ou Lluna mediterrània, de Teodoro Aparicio, entre outras. Desde a Piccolo Unión Musical sinalan tamén que “desta vez vamos ter algunha sorpresa”, que loxicamente non revelan totalmente, aínda que adiantan “unha impoñente posta en escena” e un final no que a proposta podería enriquecerse con algún elemento de danza.

O prezo para asistir a esta nova tarde-noite de música e solidariedade é de cinco euros por persoa. Os billetes poden adquirirse desde o sitio web do Palau de la Música de València.

Convenio de colaboración entre HIDES Aragón e Odontoloxía Solidaria

Tarragó (esq.) e Cuenca (dta.) a asinaren o convenio

Para a Fundación Odontoloxía Solidaria é de grande importancia establecer relacións de colaboración coas entidades que traballan sobre o terreo nas cidades onde están as nosas clínicas solidarias. Deste modo, coordínanse esforzos e conséguese dar unha mellor atención bucodental aos colectivos desfavorecidos de cada territorio. Neste sentido, o pasado 8 de abril asinouse un Convenio de Colaboración entre Odontoloxía Solidaria e a Asociación Profesional de Hixienistas Bucodentais de Aragón (HIDES Aragón).

Con este acordo, e entre outros compromisos, a Fundación comprométese a dar prioridade ás e aos hixienistas bucodentais asociadas e asociados a HIDES Aragón, á hora de realizaren o seu labor voluntario na Clínica Solidaria de Zaragoza. Do mesmo xeito, existe outro acordo entre OS e o IES Miguel Catalán da capital aragonesa, coa finalidade de que o alumnado deste centro de formación profesional desenvolva as súas prácticas de hixiene bucodental na clínica de Zaragoza.

A Dra. María Dolores Cuenca, presidenta de Odontoloxía Solidaria, e Rosa Tarragó, presidenta de HIDES Aragón, asinan o convenio entre ambas as entidades. Entre os compromisos de Odontoloxía Solidaria recollidos no acordo, destaca tamén a organización conxunta de actividades formativas, como cursos, congresos, seminarios, proxectos de investigación e outros, sobre temas que sexan de interese mutuo das institucións. Pola súa banda, HIDES Aragón adopta, entre outros, o compromiso de promover o labor da Fundación Odontoloxía Solidaria entre as persoas asociadas.

O convenio ten vixencia anual e será renovado de maneira automática por períodos idénticos dun ano, se ningunha das partes expresa reparos ao respecto. HIDES Aragón e Odontoloxía Solidaria constituirán unha Comisión Mista paritaria, integrada por un par de representantes de cada entidade que se reunirán, como mínimo, unha vez por ano, co obxectivo de “compartiren a información e o balanzo do ano anterior, poderen planificar o exercicio presente e debateren todos os temas propostos por ambas as entidades”.

‘Toc-toc’, teatro solidario en Albacete

A Fundación Odontoloxía Solidaria organiza a representación teatral da comedia Toc-toc, que terá lugar o próximo 25 de febreiro no Teatro Municipal de Albacete (19 horas). O donativo do billete é de 6 euros.

Escrita polo autor francés Laurent Baffie, e subtitulada A comedia máis obsesiva, Toc-toc é unha farsa cómica en dous actos que conta o encontro, na sala de espera dunha consulta de psiquiatría, de seis persoas, cada unha cun TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) diferente. A obra foi estreada en 2005 en París, e desde entón vírona miles de espectadoras e espectadores en Francia, Bélxica, Canadá e España.

Tendencia para dicir obscenidades (coprolalia), repetición sistemática de palabras ou frases (palilalia), necesidade patolóxica de contar obxectos (aritmomanía), medo extremo a enfermar (nosofobia), perturbación da linguaxe que consiste en que a persoa enferma repite, involuntariamente, unha palabra ou frase que acaba de ouvir ou que ela mesma acaba de pronunciar (ecolalia)… Eses son algúns dos trastornos que sofren as e os protagonistas da obra, e cuxa cura van procurar á consulta. As situacións que se crean nesta sala de espera son fonte de comicidade para as e os espectadores.

O espectáculo será representado polo grupo de teatro local Miel Sobre Hojuelas, coa dirección de Juan Pedro Bermúdez Algaba. Os billetes poden comprarse na Clínica Solidaria de Albacete (r/ Gerona, 21, local), a Clínica Dental Doctora Cuenca (r/ Tesifonte Gallego, 27, 2º) e o Colexio de Odontólogos de Albacete (Praza Altozano, 11, 1º esq.).

O Consello Xeral de Dentistas recibe o Premio OS 2016

Entrega Premio OS

Óscar Castro (dereita) recibe o XI Premio OS

O Consello Xeral de Dentistas de España recibiu o XI Premio Odontoloxía Solidaria, outorgado polo Padroado da Fundación coa finalidade de recoñecer o labor de quen desenvolveron accións sanitarias en beneficio das persoas con dificultades para acceder á saúde bucodental. O presidente do Consello, o Dr. Óscar Castro, recolleu o galardón o pasado 28 de xaneiro en Madrid, nun acto celebrado após a Asemblea Xeral de Odontoloxía Solidaria.

No seu discurso de aceptación, Castro agradeceu a distinción, sinalando que supón “unha honra que se valore o traballo desinteresado que fan tantos profesionais para que unha odontoloxía de calidade e verdadeiramente solidaria estea ao servizo das persoas que realmente o precisan”. O presidente do Consello gabou tamén o traballo de Odontoloxía Solidaria e das voluntarias e traballos que traballan nas súas oito clínicas en diversas cidades.

Óscar Castro avogou na súa intervención pola necesidade de “garantir que as persoas con máis necesidades reciban os tratamentos odontolóxicos que demandan”, pondo énfase, a continuación, na necesidade de “evitar coas diferentes accións de índole política que estamos a efectuar, que os empresarios sen escrúpulos poidan xogar coas ilusións e coa saúde dos máis desfavorecidos”. Neste sentido, engadiu que o Consello traballa por unha regulación da publicidade sanitaria que impida que determinadas firmas lancen mensaxes enganosas, “para isto xa temos o compromiso do Ministerio de Sanidade e o apoio dunha ampla maioría de Deputados e Senadores”.

O presidente do Consello indicou que este organismo, a través da Fundación Dental Española, “avalou e apoiou recentemente as doce clínicas solidarias que dependen de colexios oficiais de dentistas, e estamos a traballar para que a nosa mensaxe chegue con nitidez á sociedade. Porque é nestas clínicas, e noutras semellantes como as da vosa Fundación, grazas ás que puidestes atender máis de 50.000 persoas desde o ano 1994, nas que se pode e se debe confiar”.

A entrega do XI Premio Odontoloxía Solidaria tivo lugar na sede da Asociación Española de Fundacións, cuxo presidente, Javier Nadal, asistiu ao acto en compañía doutros convidados, como o Dr. Antonio Montero, presidente do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da I Rexión, o Dr. Agustín Moreda, presidente do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da VIII Rexión e o Dr. Ismael Tárrega, presidente do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Albacete.

María Dolores Cuenca, nova presidenta de Odontoloxía Solidaria

María Dolores Cuenca

María Dolores Cuenca

A Dra. María Dolores Cuenca é a nova presidenta de Odontoloxía Solidaria e estará á fronte do novo Padroado da entidade, que foi aprobado polas socias e socios da mesma durante a Asemblea Xeral celebrada en Madrid o pasado sábado, 28 de xaneiro.

A Dra. Cuenca, que releva a Albert Cabestany no cargo, asume a presidencia dun Padroado moi renovado que tamén está integrado polo Dr. Jesús Rueda (vicepresidente), Rafa Montaña (vicepresidente), Rosa María Tarragó (secretaria), o Dr. José Manuel Díaz López-Dóriga (tesoureiro), Alba Murillo (vogal), Marisol Velarde (vogal), Lara Vivero (vogal), Silvia Yuste (vogal) e o Dr. Federico Gerona (vogal).

Médica estomatóloga de 59 anos, María Dolores Cuenca promoveu que a clínica de Odontoloxía Solidaria en Albacete botase a andar, sendo inaugurada o 17 de febreiro do ano 2016. Nesta entrevista, publicada con motivo da apertura da clínica castelanomanchega, Cuenca relata o longo proceso de traballo previo que comportou, ben como as complicidades que se xeraron para que o proxecto saíse adiante. A súa alta implicación na Fundación levou María Dolores Cuenca a facer parte da primeira brigada de Odontoloxía Solidaria en Marrocos, o pasado mes de decembro.

Máis de 6900 persoas atendidas en 2016

As oito clínicas de Odontoloxía Solidaria atenderon en 2016 un total de 6968 persoas en risco de exclusión social; pacientes que chegaron á nosa entidade derivadas e derivados polos servizos sociais de Concellos e Comunidades Autónomas, centros de saúde e entidades do Terceiro Sector. Os primeiros datos, provisorios, da actividade da Fundación durante o ano pasado, indican que entre estas persoas usuarias, 788 eran menores de até 14 anos de idade. O número de pacientes novas e novos que recibiron tratamento por parte de OS durante o mesmo período chega a 4702.

O labor realizado débese, esencialmente, ao voluntariado da Fundación, que destinou á acción solidaria un total de 13 860 horas de traballo, que en condicións de mercado custarían 758 925 euros. Odontoloxía Solidaria contou en 2016 coa participación de 368 persoas voluntarias. A maioría delas (48%) eran odontólogas, seguidas por hixienistas (22%), estudantes (14%), asistentes odontolóxicas (8%), auxiliares administrativas, hixienistas en prácticas (3%) e persoas con outros perfís (2%).

O impacto social do traballo realizado é evidente, a pesar de que aínda é moito o traballo que temos pendente, pois cónstanos que aínda están en lista de espera para comezar un tratamento 5299 persoas.

Odontoloxía Solidaria recibe o Premio Solidariedade 2016 do ICOEV

Entrega del Premio Solidaridad en la sede del ICOEV

Entrega do premio na sede do ICOEV

Odontoloxía Solidaria recibiu o pasado día 15 de novembro o Premio Solidariedade que outorga o Ilustre Colegio Oficial de Odontólogos y Estomatólogos de Valencia (ICOEV). No acto da entrega, celebrado na sede do Colexio, recolleron o galardón o vicepresidente da Fundación, Rafa Montaña, e o voluntario e a voluntaria da Clínica Solidaria de Valencia Dimitri Chursin e Selenne Reyes.

A nosa entidade recibiu o Premio Solidariedade, dotado con 5000 euros, por terceiro ano consecutivo, esta vez compartido coa ONG SOS Odontoloxía Social. A Xunta de Goberno do ICOEV valorou nas deliberacións o “carácter de axuda enfocada á poboación con serias dificultades de acceso á atención odontolóxica”. No caso concreto da Fundación Odontoloxía Solidaria, o Colexio destacou, no momento de facer público o veredicto “o seu recoñecido labor de atención a pacientes en risco de exclusión social na provincia de Valencia a través da súa clínica, situada na rúa Balmes”.

Pin It on Pinterest

Share This
X

Odontoloxía Solidaria utiliza os testemuños de conexión (ou cookies) para mellorar a vosa experiencia no noso sitio web. Ao continuares a usar o noso web, estás a aceptar a instalación de testemuños de conexión, nos termos establecidos na nosa Política de testemuños de conexión. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Pechar