Entrevistas

“Sen axudar os demais, a vida non ten sentido”

Marisol Velarde

Marisol Velarde

Marisol Velarde, de 38 anos, é odontóloga endodoncista. Estudou a carreira na súa Bolivia natal, para mudarse despois a Madrid, onde comezou a colaborar con Odontoloxía Solidaria. Actualmente reside en Andalucía, e é a Delegada Social da Clínica Solidaria de Fuengirola (Málaga).

— Como comezou o teu contacto coa Fundación?

— Foi hai catro anos, cando estaba a facer a homologación na Universidade Complutense de Madrid, e uns compañeiros da facultade faláronme de Odontoloxía Solidaria e da posibilidade de traballar de voluntaria. Procurei a través de Internet para ver de que se trataba, e despois contactei coa Clínica Solidaria de Madrid, que está en Vallecas.

— Era a túa primeira experiencia no mundo do voluntariado?

— Non. Xa en Bolivia, cando rematei a carreira, estivera a colaborar nun centro de crianzas con discapacidade mental, onde había unha clínica dentaria. Estiven un par de anos naquel centro como voluntaria e despois fun a un psiquiátrico… Cando vin para España e tiven a oportunidade de traballar outra vez como voluntaria encontrei Odontoloxía Solidaria, que é o mellor, realmente, porque é o que eu sei facer. A vida lévame por camiños de voluntariado. Faime sentir mellor, é claro. Son completamente feliz.

— Estiveches dous anos de voluntaria en Madrid, e agora estás na clínica de Fuengirola.

— Si, falta pouco para facer os dous anos. Mudei de cidade por razóns persoais, e todo foi por casualidade. Cando fun de Madrid a Fuengirola, acudín a unha entrevista de traballo e encontrei a Ana Campi, que me contou que había uns poucos meses que se abrira a clínica de Fuengirola. Eu estaba encantada porque cando comecei a vivir aquí non tiña traballo, e podía ir todos os días a Odontoloxía Solidaria. Agora a miña situación laboral mudou, traballo como autónoma en diferentes clínicas, e non podo ir tanto. Teño libre unha quenda por semana, facendo todo o posible.

— É boa a relación cos compañeiros?

— Claro. Isto é case como unha relixión. As persoas que van alí son coma ti, de maneira que ambiente é estupendo. Todos son un amor, achegan o seu tempo e o seu traballo. Os compañeiros de OS son diferentes, teñen outro punto de vista sobre a odontoloxía, no sentido de que o teu traballo non é algo que fagas por diñeiro, senón por vocación.

— E como é a túa relación coas persoas usuarias, que moitas veces pasan por situacións persoais bastante duras?

— Eu veño dunha familia humilde, na que foi un pouco complexo saír adiante, e teño moita empatía coa xente. Non teño empatía porque o traballo o requira, por psicoloxía, senón porque me sae da alma. Hai unha conexión humana cos pacientes.

— Es a Delegada Social da clínica de Fuengirola. Fálanos un pouco desta responsabilidade…

— Ben… iso xurdiu porque eu era das que máis ía á clínica, e coñecía case todos os voluntarios. Propuxéronme que fose eu a delegada e aceptei. Continúo a ser a mesma, só tento que os voluntarios participen un pouco máis, e procuro estar pendente da xente…

— Que dirías a un compañeiro de profesión para que veña a Odontoloxía Solidaria?

— Diríalle que a vida sen axudar os demais non ten ningún sentido. E máis no ámbito da odontoloxía, que é algo moi caro e inaccesible para moitas persoas.

“A nosa sociedade avanzará grazas á solidariedade”

Robert Monsó

Robert Monsó

Robert Monsó, médico odontólogo de 58 anos, colabora na Clínica Solidaria SOPS Badalona, que atende pacientes con VIH, e á que acode como voluntario quincenalmente. As súas motivacións solidarias teñen un vector duplo, espiritual e social, de que nos fala nesta conversa.

O teu vínculo con Odontoloxía Solidaria vén de lonxe…

— Si. Cheguei a través dunha odontóloga que eu coñecía e que colaboraba na Fundación: ela contoume como funcionaba… Comecei como voluntario en SPOTT Barcelona, onde estiven un par de anos a colaborar. Despois deixeino, e uns poucos de anos máis tarde volvín a contactar con Odontoloxía Solidaria para retomar a colaboración. Desde hai catro anos son voluntario en SOPS Badalona.

Por que decidiches retomar a colaboración?

— Quería exercer como voluntario dentro do meu ámbito laboral. Como xa tiña a experiencia da miña primeira época con Odontoloxía Solidaria, decidín regresar. Eu son cristián evanxélico e sigo a ensinanza de Xesús no que se refire a achegarse aos demais, axudalos e comprender as súas necesidades. Neste sentido, colaboro en diversas entidades. Son voluntario de Amics da Gent Gran, onde fago acompañamento dunha aboa de 103 anos, que é a veterana da ONG. Na comunidade da miña igrexa facemos doazón de alimentos, e tamén colaboro coa ONG Nova Vida do barrio do Raval en Barcelona, onde organizamos ceas para persoas sen abrigo.

Para alén da motivación que se deriva do aspecto relixioso, nesta actividade hai tamén unha compoñente social?

— Claro que si. A miña motivación de fondo é espiritual mais o que procuraba Xesús, como procuro eu, era a xustiza social, algo que non existe no mundo. Trátase de dar un pouco do que recibes á xente que o precisa.

En Badalona trátanse pacientes con VIH. Que características especiais ten traballar con estas persoas?

— Basicamente, son persoas que teñen má saúde. Cómpre estar atento aos tratamentos que se aplican, especialmente nas extraccións, polo tema da coagulación. Pero para outros aspectos non hai diferenza ningunha.

Cal é a túa experiencia ao tratar con estas persoas usuarias?

— Moi boa, hai unha relación moi boa. Eles saben que nós somos voluntarios, e sempre hai unha disposición especial, e moi bo entendemento en xeral, aínda que sempre poida existir algunha excepción. As persoas que veñen agradecen moito o traballo que facemos e fican contentas con el. Ademais de prestar un servizo, tamén recibes moito da xente que vén; basicamente, o seu agradecemento, ou o ver que están contentos cando saen da clínica coa boca arranxada, que é algo moi importante para eles por causa do traballo. É a satisfacción de facer feliz a xente.

Esa é a túa recompensa, non?

— Si, aínda que non fago isto na procura dunha recompensa. Mais si, alégrate ver que realmente estás a facer un traballo necesario, porque hai xente que non ten posibilidade de ser tratada noutro lugar.

Pensas que, en xeral, esta profesión é solidaria?

— Penso que ultimamente a cousa foi a máis, quizais porque no ámbito profesional a día de hoxe hai máis oferta que demanda. Nestes últimos anos houbo unha mudanza bastante importante na profesión. Existen varias entidades que traballan neste tema, e outras que traballan fóra do noso territorio. Eu tiven a posibilidade de colaborar en África. Isto significa que, pouco a pouco, está a ser unha profesión máis solidaria.

Fálanos da experiencia en África que referiches hai un anaco…

— Estiven na Guinea Ecuatorial. Estiven 15 días nunha clínica odontolóxica. Fixen este voluntariado cunha ONG que se chama Más que Salud, que é unha entidade cristiá evanxélica. Fomos alí profesionais de diversas especialidades médicas: medicina xeral, pediatría, odontoloxía…

Dicías antes que a profesión é máis solidaria agora do que antes. Dirías que a nosa sociedade tamén?

— Eu penso que si e que grazas a iso a nosa sociedade avanzará. Se ficásemos a agardalo dos de arriba, estabamos bos. Eu penso que hai moita solidariedade, moita xente que se move. Penso que, en xeral, temos consciencia de que cómpre ser solidario co próximo, porque nun momento determinado podes ser ti quen precise axuda. A vida dá moitas voltas e nunca sabes onde podes ir dar. Hoxe hai moita información, móvense moitas cousas, existen moitas entidades, e penso que quen quere, colabora. Neste momento non podes escusarte co descoñecemento. Non hai escusa para non colaborar.

E que se debe facer para que os de arriba tamén fagan o que corresponde?

— Boa pregunta… Penso que debían andar máis a pé e tocar un pouco máis a rúa, coñecer mellor a realidade. Paréceme que tamén son conscientes diso. Ultimamente hai partidos políticos que poñen máis énfase no problema social, quer sexa en relación á pobreza enerxética quer ao tema alimentar. Eu penso que o diñeiro pode redistribuírse doutra forma, e que no noso mundo non debía haber as carencias e diferenzas que existen actualmente. É precisa unha mudanza de mentalidade a nivel político, que pouco a pouco está a chegar.

“Todos temos capacidades para mellorarmos este mundo”

Dimitrii Chursin

Dimitrii Chursin

En 2014, Dimitrii Chursin chegou procedente de Moscova ao noso país, onde se instalou coa súa familia. Odontólogo de 33 anos, é unha das persoas voluntarias da Clínica Solidaria de Valencia, experiencia que valora moi positivamente durante a conversación que tivemos con el.

Canto tempo levas en Odontoloxía Solidaria?

Comecei a primavera pasada. Convidoume a miña muller, Mariia, que tamén é voluntaria na clínica de Valencia. Eu nunca traballara nunha entidade solidaria, e decidín probar. Agora podo dicir que estou moi satisfeito coa experiencia e dou as grazas á miña muller por me ter convidado á Clínica Solidaria. Até agora, en realidade eu non sabía que me gustaba axudar a xente. Gústame cando vexo que un paciente está contento, que sae da consulta cun sorriso, feliz. Cando isto acontece, teño tamén unha sensación de ledicia, dáme moita forza a min mesmo. Dáme forza para seguir adiante. Ás veces o noso traballo é ben duro, mais cando ves un paciente contento, e que che conta que a súa vida mellorou moito, é algo que merece moito a pena. É un grande estímulo.

Por que dis que o voso traballo é ben duro?

Ás veces hai moito estrés. Cómpre tomar decisións, temos unha responsabilidade. Os pacientes que veñen á clínica teñen moitos problemas, e con frecuencia un problema vai acompañado doutros. Normalmente, o seu estado bucal é reflexo do seu estado xeral, da vida que levan. Nós entendemos perfectamente que os nosos pacientes son persoas que teñen moitas dificultades, e podemos solucionar, polo menos, unha parte desas dificultades. Para un paciente é moi importante volver a sorrir, é algo que non ten prezo.

Cóntanos en breve como é o trato coas persoas usuarias da clínica no día a día…

Depende das persoas. Hai casos moi complexos, maiormente nos pacientes que teñen algún tipo de discapacidade. Debemos estar preparados para estes casos, darlles a mesma atención, e ás veces é algo difícil, porque encaramos situacións bastante complicadas. Tamén hai ocasións en que debemos explicar ao paciente cuestións básicas de hixiene oral, explicarlle por que a súa saúde bucal é importante e o modo en que inflúe na súa vida. Calquera tratamento, por bo que for, non aguantará moito sen que o propio paciente se esforce por mantelo: a súa saúde bucal tamén depende del. A educación dos pacientes é moi importante.

Dirías que en Odontoloxía Solidaria aprendiches máis a nivel profesional ou a nivel humano?

Nos dous niveis. Como che dicía, na parte odontolóxica encaramos casos clínicos complicados que implican tomar decisións. Normalmente falo cos meus colegas, con protesistas dentarios e con outros odontólogos, para poder escoller a mellor solución para o meu paciente. Mais o factor humano inflúe moito. Agora comprendo perfectamente como é traballar con persoas con dificultades de varios tipos, con problemas graves. É moi importante saber tratar estas persoas, e é a mellor experiencia posible. Para min todos os pacientes son iguais; segundo os casos, a abordaxe é diferente, mais o resultado ten que ser sempre o mesmo: un bo tratamento.

Como definirías o ambiente de traballo?

É un ambiente de respecto mutuo, que che transmite a sensación de equipo. En calquera momento podes pedir axuda aos teus compañeiros de traballo, sempre funciona o apoio entre nós. Se un compañeiro non é capaz de atender o seu paciente debido ao traballo que ten, eu encárgome de atender ese paciente para que non teña que agardar. É como unha familia, a compoñente de amizade está presente. E o respecto, insisto, sen respecto non pode existir un equipo, nin unha familia.

Como explicarías o que facemos en Odontoloxía Solidaria a alguén que non saiba nada de nós?

Diríalle que o que facemos é moito máis que só traballo, é outro nivel. Como persoas dun mundo aberto, do espazo único que é o noso planeta, é mellor axudármonos entre nós compartindo a nosa experiencia, independentemente do país, da relixión ou do que for. Cada un de nós ten capacidade para mellorar este mundo. Hai moitas cousas que eu non sei facer, pero son odontólogo, e se o meu traballo fai un pouco mellor este mundo, non pido máis. Cada día vemos como mudamos a vida dos nosos pacientes, e iso é o mellor de todo.

“A xente que o pasa mal non é tan diferente de calquera de nós”

Lara Vivero

Lara Vivero

Conversamos con Lara Vivero, que desde datas recentes é Delegada Social da Clínica Solidaria de Madrid. Odontóloga de 23 anos, a día de hoxe está a cursar dous mestrados, un en Ciencias Odontolóxicas e outro de Especialista en atención odontolóxica integrada na crianza con necesidades especiais, ambos na Universidade Complutense de Madrid.

Cando comeza o teu contacto con Odontoloxía Solidaria?

Fai algo máis de ano e medio. Principiei como estudante e fiquei despois como odontóloga. Souben da Fundación por Internet. Púxenme a procurar ONG que traballasen en odontoloxía e encontrei OS. Contactei por teléfono, visitei a clínica de Madrid e xa fiquei como voluntaria. Víase bastante bo ambiente, compañeirismo e sentinme a gusto inmediatamente. Cando aínda era estudante facía traballo de asistente odontolóxica: axudaba os odontólogos, recollía o instrumental, facía que as cousas fosen máis rápidas. Por parte dos odontólogos, eles ensináronme moito: explicábanme o que facían, e iso en parte foi un complemento á miña formación. Eu penso que a eles gustáballes ter unha estudante a axudar, como a min me acontece agora como odontóloga: faime ilusión poder transmitir o meu coñecemento e contribuír a que a persoa que está comigo sexa mellor profesional no futuro.

Tiñas algunha experiencia previa en organizacións solidarias?

Ningunha. Pensárao moitas veces, mais por falta de tempo e de información nunca dei o paso. Entrei en Odontoloxía Solidaria cando terminei cuarto de carreira; tiña todo o verán libre e quixen procurar algunha actividade relacionada co meu e, especialmente, coa que puidese axudar a xente que o precisaba.

Como se percibe Odontoloxía Solidaria no ambiente estudantil? Coñécese o suficiente?

Non, eu penso que non se coñece o suficiente. Os que eran os meus compañeiros de clase coñeceron Odontoloxía Solidaria porque ía eu e, de feito, tiña un par de compañeiros que viñan tamén á clínica comigo. Pero en xeral coñécese pouco. Paréceme que esta é unha área que podía potenciarse.

Que aprendiches na túa experiencia con OS a nivel humano?

Bastantes cousas. Acabas por aprender que realmente a xente que está a pasar necesidade ou está en risco de exclusión social non é tan diferente de ningún de nós. Hai moita xente que non coñece este sector da poboación, que nunca tratou con el, polo que a nivel social apréndese moito. Non se trata só do que ti achegas, creces moito no persoal e no profesional. Eu comparto plenamente a filosofía de Odontoloxía Solidaria. Paréceme que os tratamentos odontolóxicos básicos debía cubrilos a Seguridade Social, aínda que, de momento, é algo que vexo lonxe, porque a odontoloxía é custosa e en España non temos esa cultura.

Pensas que os poderes públicos recoñecen suficientemente o labor que realiza Odontoloxía Solidaria?

Penso que neste momento estamos a comezar a ter un pouco máis de recoñecemento, estamos a recibir máis subvencións de organismos que non nos deran subvencións antes… mais tamén penso que aínda nos resta camiño por percorrer nesa dirección.

Fálanos do día a día na Clínica de Madrid.

Hai moita rotación de voluntarios, no sentido de que algunha xente só pode vir un par de meses, ou despois ten que deixar de vir por motivos de traballo, e vai entrando xente nova. Tamén estamos uns cantos que levamos xa máis tempo. Mais como che dicía antes, o ambiente é moi bo, os traballadores axúdannos moito sempre que temos algún problema e tentamos axudarnos entre todos.

Es a Delegada Social desde fai pouco. Como encaras esta nova responsabilidade?

Si, desde fai pouquiño. Eu son unha especie de ponte entre os voluntarios e a organización. Encároo con ilusión, porque entre os voluntarios e a entidade tampouco hai moitos problemas. Entendémonos bastante ben.

“Aínda podemos facer cousas entre todos para mellorar a sociedade”

José Sanchis

José Sanchis

Desde hai unhas semanas, José Sanchis é o novo Delegado Social da Clínica Solidaria de Valencia que, desde 1999, traballa pola saúde oral das persoas que non poden acceder á saúde oral en condicións de mercado a causa da súa situación socioeconómica. José, protesista dental de 52 anos, colabora con Odontoloxía Solidaria desde 2008, e encara con ilusión a súa nova responsabilidade.

— Levas xa bastantes anos implicado no traballo solidario da Fundación. Por que decidiches dar o paso e facer parte deste proxecto?

— Inicialmente houbo unha cousa que me chamou a atención. Cando me movía nos ambientes do sector, vía con frecuencia o adhesivo de Odontoloxía Solidaria. Era algo que me chamaba a atención e, sen coñecelo aínda, xa intuía que me ía gustar. Até que un día en que estaba pola zona da clínica, decidín subir e preguntar. Entón vin a dinámica de OS, gustoume e decidín colaborar na medida do posible. A partir dese momento, pouco a pouco, foi ampliándose o foco: comecei a coñecer a xente, a maneira de traballar… e até o día de hoxe. Estou a gusto co labor que facemos.

— Colaboraras con algunha entidade de acción social antes?

— Si, mais deixeino por circunstancias persoas durante uns anos. Desde ben novo, con 13 ou 14 anos, estiven a colaborar coa Cruz Vermella. En Odontoloxía Solidaria retomei este camiño. Vin que non é nada fácil, porque cómpre lidar con bastantes cousas mais, ao último, as satisfaccións e as recompensas son moitas.

— Fálanos un pouco destas satisfaccións e recompensas de tipo persoal…

— A situación social na rúa agora mesmo todos sabemos como está, maiormente no sector de poboación que acostumamos tratar. Ver as persoas que saen da clínica con ese sorriso sincero, sen ese temor, sen levar a man á boca para tapar “a cicatriz” por iren desdentadas… a verdade é que enche moito, leva a pensar que aínda se poden facer cousas entre todos para mellorar a sociedade. Hai sitio e tempo para todo e para todos.

— Como viches a evolución da Clínica Solidaria de Valencia desde que comezaches até agora?

— Pouco a pouco foi afianzándose, e unha vez que tivo unha base firme vin que comezou a ir bastante liviá, que está a funcionar dun modo bastante dinámico. Vexo que o ambiente de traballo na clínica é moi cordial. Os voluntarios veñen con moita ilusión e tratan moi ben os pacientes, que é algo que me encanta. Nalgúns casos, hai pacientes que parecen temer que os reprendan por como teñen a súa cavidade bucal, mais ao ver que os meus compañeiros os tratan con dozura e empatía, mudan inmediatamente. Entre os compañeiros o ambiente é moi bo. Se non houbese bo ambiente e cordialidade, o que alí se fai non se podería facer.

— Que dirías a un compañeiro de profesión para convidalo a facer parte de Odontoloxía Solidaria?

— Depende de quen fose, sempre é preciso procurar o lado humano de cada persoa. Todas as explicacións que puidese dar serían positivas, mais o realmente bo sería que nos coñecese, que vise os pacientes… o que esa persoa vivise ao coñecer como funcionamos.

— Como encaras a responsabilidade de ser o novo Delegado Social da clínica de Valencia?

— O meu labor consiste en ver as posibles deficiencias que poida ter a clínica e, sobre todo, as posibles melloras que se poidan aplicar. Tamén ver de que forma podemos facer que a dinámica da clínica sexa máis fluída. Sempre hai pequenos detalles que pulir. Eu encároo con ilusión, é claro. Espero colaborar para que a clínica sexa aínda máis funcional, e que sexa beneficiosa para todos: para os pacientes e para os voluntarios. Todo o mundo pode e debe aprender dos demais.

“Facilitar que os dentistas poidan facer traballo solidario é un dos obxectivos do noso Colexio”

José Luis Rocamora

José Luis Rocamora

O doutor José Luis Rocamora Valero licenciouse primeiro en Medicina e Cirurxía Xeral (1983), para despois facelo en Odontoloxía en 1986, ano en que comeza o exercicio da profesión de dentista en Alacant. En 1995 entrou na Xunta do Colegio de Odontólogos y Estomatólogos de Alicante (COEA) como secretario, e en 2003 asumiu a Presidencia, cargo que actualmente desempeña. O COEA conta na actualidade con máis de 1000 colexiados.

— Cales son as principais dificultades que encaran as e os profesionais do Colegio de Alacant?

— A situación é semellante á do resto de profesionais de España. A crise afectou todos os sectores. Tamén o noso. Infelizmente, hoxe, unha persoa que se acaba de licenciar ten moitas posibilidades de facer parte das listas de desemprego, de traballar con contratos precarios ou de ter que irse ao estranxeiro para poder traballar dignamente. Mais isto tamén acontece en moitas outras profesións. Non é a miña intención parecer corporativista, mais si debo dicir con clareza que é perigoso para a saúde que os profesionais que nos encargamos dela esteamos a vivir esta situación de plétora profesional. Somos demasiados dentistas. Alacant superou por primeira vez na súa historia a cifra dos 1000 dentistas colexiados. Temos case un 40% máis dos dentistas que aconsella a Organización Mundial da Saúde.

— O COEA é un Colexio aberto á cidadanía?

— Entre as funcións do Colexio están a defensa da odontoloxía e a defensa dos pacientes. Por iso, o noso Colexio é tamén o colexio de todos os pacientes alacantinos e entre os nosos labores está o de informar os pacientes dos dereitos que teñen. Tamén é a nosa función mediar entre o paciente e o dentista para tentar solucionar os problemas que puideren xurdir da mellor forma posible. Calquera persoa que tiver unha queixa do seu dentista pode pórse en contacto connosco.

— Vostede manifestouse varias veces en contra do denominado “mercantilismo dental”. Pode definir este concepto? Que solución ou solucións pensa vostede que ten?

— En España, calquera empresario pode abrir unha clínica odontolóxica. Así, cando unha persoa chega á consulta cun problema de saúde oral, o primeiro que podería acontecer é que o empresario só vise o cliente que ten diante de si. Non o paciente. Podería ver só números e aplicar o “todo vale” nos negocios, utilizando sen consideración todos os recursos ao seu alcance, desde publicidade falsa a contratos en precario a odontólogos acabados de licenciar. Este mercantilismo, que non se pode atribuír a todos os empresarios pero que si está a ocorrer no noso país, está a facer un dano, moitas veces irreparable, na saúde oral dos cidadáns, e está a provocar un evidente prexuízo aos profesionais da odontoloxía, cun crecente desprestixio dos dentistas perante a sociedade. Desde o Colegio de Dentistas de Alicante apostamos por unha odontoloxía sen asteriscos, sen letra pequena no contrato, sen trampa nin artificio.

— Vostede coñece a Fundación Odontoloxía Solidaria. Que lle parecen os nosos fins e métodos de traballo?

— Efectivamente, coñézoa, maiormente a través da nosa vogal responsable no COEA da área solidaria. Teño que salientar o seu carácter solidario e os seus fins, baseados en mellorar a saúde oral dos máis desfavorecidos a través de diversas actuacións. Facilitar aos dentistas alacantinos que poidan destinar parte do seu tempo a esta actividade solidaria é un dos obxectivos do Colexio. E é moi necesario o seu traballo, o de entidades, fundacións e ONG que permitan aos profesionais colaborar.

— Desexaría e pensa que é posible que algún día se poña a andar unha Clínica Solidaria en Alacant? De ser o caso, cal sería o grao de implicación do Colexio?

— Como dicía antes, é un obxectivo desta Xunta Directiva do COEA facilitar aos dentistas alacantinos que poidan destinar parte do seu tempo á solidariedade. De feito, por exemplo, colaboramos con algunhas ONG para que os nosos colexiados poidan participar en accións solidarias en países en desenvolvemento ou en campamentos de refuxiados. Tamén participamos na recollida de material necesario para esas actuacións solidarias. E desde hai algún tempo estamos a pór todo o noso esforzo na creación dunha Clínica Solidaria en Alacant, mais aínda están por concretar algúns aspectos e gustaríame dar a noticia aos nosos colexiados cando realmente sexa efectiva. O que si podo adiantar é que xa temos un amplo listado de dentistas dispostos a dedicar parte do seu tempo a esta futura Clínica Solidaria.

— A sanidade pública non contempla os tratamentos odontolóxicos que serían desexables. Pensa que a medio prazo estas prestacións farán parte do sistema público de saúde? Cal é a actitude das Administracións públicas perante esta cuestión? E a dos profesionais da odontoloxía?

— Sinceramente, non me parece que a sanidade pública vaia incrementar as súas prestacións en materia de saúde oral, porque ten outras prioridades de cara á cidadanía. Paréceme que a medio prazo non vai mudar moito a situación, polo menos a Administración non mostrou interese niso nos últimos anos. Ora ben, os profesionais da odontoloxía pensamos outra cousa. Todo dentista ao que lle guste a súa profesión ten como primeiro obxectivo conseguir unha mellor saúde para o seu paciente. Non importa se o fai na súa clínica privada ou se atende a nivel público. A saúde é o noso fin. Oxalá a Seguridade Social atenda, co mellor sistema posible, as necesidades da poboación en materia de saúde bucodental.

— Unha última pregunta de carácter máis filosófico ou ideolóxico: Por que cómpre ser solidario?

— Solidariedade. Do latín, solicitas, que fai referencia a unha realidade homoxénea, enteira, unida, onde os elementos que fan parte dese todo teñen a mesma natureza. O ser humano é un e ten na súa natureza ser solidario. Hoxe ti e mañá eu. A próxima vez podo ser eu ou meus fillos quen precisen de axuda. É unha obrigación de todos. Sen excepción. Ser solidario é estar comprometido coa vida. Iso é Xustiza. Ser solidario é ser xusto.

“Mañá podemos ser nós quen precisemos de axuda”

Íñigo San Luis

Íñigo San Luis

Íñigo San Luís Bugallo é un dos voluntarios que dedican tempo e coñecementos a favor das persoas máis desfavorecidas nunha das nosas clínicas. Ten o seu propio centro dental en Bergondo, pero cada quince días, este odontólogo de 50 anos acode á Clínica Solidaria da Coruña, onde atende persoas que, a causa da súa situación, non poden acceder a tratamentos de saúde bucodental en condicións de mercado. Falamos con el sobre as motivacións e experiencias deste voluntariado.

Comezaches na Clínica Solidaria da Coruña a primavera pasada. Antes diso, colaboraras con algunha ONG?

— Non, ningunha. Era algo que sempre estaba na miña mente. Anos atrás pensara que podía estar ben implicarme en temas de cooperación internacional, na América do Sur ou África, pero foi algo que nunca concretei. Era algo que sempre estaba na miña mente, pero que non fixen até que coñecín este proxecto de Odontoloxía Solidaria, que me pareceu fenomenal.

E por que desta vez decidiches dar o paso?

— Na miña consulta privada estaba a ouvir dramas familiares continuamente, sobre o mal que o está a pasar a xente pola situación actual, pola crise. Pouco a pouco fun vendo que a xente non pode máis. A partir destas constatacións fun tomando máis consciencia do tema, e iso foi o que me levou a dar un pouquiño do meu tempo. Actualmente colaboro con Odontoloxía Solidaria indo á clínica unha tarde cada quince días. Con Odontoloxía Solidaria teño a oportunidade de axudar aquí, onde é realmente moi necesario.

Que tal a experiencia até o momento?

— Moi ben, moi boa. Moi bos compañeiros. E con respecto aos pacientes, ves que son xente que valora o teu traballo, que valora que esteas a dar o teu tempo para isto.

Ás veces, encontrarás pacientes con situacións persoais especialmente duras…

— Si, con certeza. E iso véxoo tamén na privada, como che dicía antes. A situación é moi dura.

No persoal, que che dá o traballo solidario?

— É moi gratificante poder axudar as persoas en algo do que tes coñecementos. Pero, ademais, tamén temos que pensar que o futuro da odontoloxía é incerto, e que o das nosas pensións tamén. O día de mañá quizais sexamos nós quen precisemos de axuda. Hoxe estás arriba e mañá non. É unha forma de solidarizarse coa xente que ten problemas, porque eu tamén podo ser unha desas persoas mañá. Iso tamén me levou a colaborar pero, de certo é moi gratificante e é moi agradecido poder actuar nun campo no que sei que podo axudar.

Que che parecen os protocolos, o método de traballo das clínicas?

— Penso que está moi ben. Loxicamente, sobre a marcha vamos dándonos conta de cousas que se poden mellorar. Cando iso ocorre, fálase e pouco a pouco van solucionándose todos os asuntos. As cousas axústanse sen maior problema.

Que dirías a unha compañeira ou compañeiro odontólogo para que se implique na nosa organización?

— Que é un campo que coñecemos, e que pode ser mellor que axudar nisto? Ese compañeiro, na súa consulta, estará a darse conta da triste realidade social, igual que eu. Animaríao dicíndolle que se vai sentir moito mellor podendo axudar.

“Ser solidario dá felicidade”

Javier García Asensio

Javier García Asensio

Despedimos o mes de setembro entrevistando o noso compañeiro Javier García Asensio, odontólogo de 38 anos de idade que fai parte do equipo de voluntariado da Clínica Solidaria de Fuengirola. Javier, que ten a súa propia clínica dental na poboación malagueña de Ronda, fálanos nesta conversa das motivacións e valores implícitos na súa acción solidaria.

— Fuches dos primeiros voluntarios da Clínica Solidaria de Fuengirola. Como ves a evolución da clínica, desde que comezou a atender pacientes até hoxe?

— Ao principio había moitas reticencias por parte da xente. Como ten habido tanto timo, tanto engano, a moita xente non lle ficaba claro se isto era unha forma de captar pacientes ou realmente era algo cunha finalidade social. Mais, a medida que foron vendo o que estamos a facer, a situación mudou. Cada vez hai máis xente, e cada vez a xente vaise máis contenta. A nivel de clínica estamos moi ben. Pero eu vexo que lle falta un pouco que haxa máis persoas que se impliquen como voluntarias. A clínica ten un potencial estupendo, ten bos equipos, está nun sitio idóneo, e penso que aínda non se aproveita este potencial todo o que se podería. O importante é que durante este tempo a clínica foi gañando a confianza da xente. Temos mesmo pacientes que veñen de Jaén, que está a hora e media de Fuengirola.

— Dis que debía haber máis persoas voluntarias. Como convencerías unha ou un colega odontólogo para que se envolva no proxecto?

— Eu penso que o sentido final da nosa profesión é moi bo, porque consiste en axudar a xente. Implicarse en Odontoloxía Solidaria é unha maneira de poder cumprir coa vocación da nosa profesión, engadíndolle o feito de non facelo por diñeiro.

— E que te motivou a ti para entrar como voluntario na clínica? Coñecías xa a existencia de Odontoloxía Solidaria?

— Si, sabía que existía Odontoloxía Solidaria desde había anos, mais situábaa principalmente en Madrid e Barcelona; non sabía que se estaban a abrir clínicas noutros sitios. Recibín unha carta do Colexio de Odontólogas/os, a informar do proxecto de Fuengirola, e a verdade é que ao primeiro non lle prestei moita atención… foi a miña muller quen me animou a que me informase máis e me envolvese. Nós somos cristiáns, e pensamos que por riba de todo cómpre axudar as outras persoas. E se existe a oportunidade de axudar a xente, e encima no ámbito da nosa profesión, é idóneo. O escenario perfecto, vamos…

— De maneira que no teu caso ser solidario considéralo un deber…

— Si. Penso que cada un ten o deber de axudar as outras persoas no que saiba facer ou no que estea preparado para facer. Ademais, eu penso que ser solidario dá felicidade. Cando ti es capaz de axudar as outras persoas, ademais de beneficiar esas outras persoas, ti mesmo tamén te beneficias, porque te sentes mellor, porque es máis feliz. Mais tamén é unha cuestión de xustiza social. Como non nos vamos axudar entre nós? Se á miña beira teño unha persoa cunha necesidade que podo resolver, e teño os medios para facelo grazas a unha ONG como Odontoloxía Solidaria, como non o vou facer?

— Ás nosas clínicas solidarias acoden pacientes que, ás veces, teñen unha biografía persoal moi dura. Que che dá o trato coas e cos pacientes?

— Especialmente, perspectiva. Cando comezas a falar con eles e che contan a situación na que están, dáste conta de que es un privilexiado. Pensas que ti segues a ter problemas, porque todos os temos, mais en comparación cos destas persoas son moi liviáns. Isto fai que penses que tes que estar agradecido e contento.

— Como recolliamos no noso último boletín, este verán colaboraches coa ONG Escuela de Solidaridad, de Granada. Colaboraches con outras entidades a nivel odontolóxico?

— Hai uns anos estiven no Perú, na parte amazónica do país. A través dun misioneiro que coñecía, estiven alí un mes. Había montado un equipo dental no consultorio médico. Desprazabámonos por poboacións que nuns casos só tiñan electricidade unhas poucas horas, e noutros simplemente non tiñan. Así que durante o día facíamos extraccións, e cando activaban a electricidade aproveitábamos para facer empastes. Era preciso aproveitar cada minuto. Foi unha experiencia moi interesante e fiquei con vontade de repetir nalgún outro proxecto internacional.

“A solidariedade é un valor implícito na nosa profesión”

Enrique Llobell

Enrique Llobell

Pasadas as vacacións, conversamos con Enrique Llobell, presidente do Ilustre Colegio Oficial de Odontólogos y Estomatólogos de Valencia (ICOEV)O colexio valenciano concede o Premio Solidaridad, distinción que Odontoloxía Solidaria compartiu en 2014 coa ONG Una Sonrisa Para Centroamérica, e que recibiu de modo íntegro, en 2015. Cirurxián maxilofacial e estomatólogo de sesenta e dous anos de idade, o doutor Llobell preside desde hai seis anos o ICOEV, entidade que agrupa por volta de 2000 colexiadas e colexiados. O presidente do Colexio está a favor da inclusión dos tratamentos odontolóxicos no sistema público de saúde, e salienta que a profesión sanitaria envolve unha vocación solidaria.

─ Que lles levou a instaurar o Premio Solidaridad ICOEV?

─ Presentáronse traballos de colegas que desenvolvían labores sociais por todo o mundo e pensamos que estas iniciativas merecían unha axuda. Como nos pedían apoio para varios proxectos, decidimos que o mellor era crear un premio. Finalmente, decidimos dálo a proxectos que se desenvolvan na Comunidade Valenciana. Isto non significa que os outros proxectos non sexan interesantes, mais pensamos que unha acción no Amazonas, por dicir un lugar do mundo, ficaba moi diluído para o colexio profesional de Valencia, e preferimos dar prioridade a aquilo que axuda os necesitados da nosa propia comunidade.

─ Quizais esta decisión ten aínda máis sentido en tempos de crise como os actuais…

─ Sen dúbida. Se non tivésemos necesidades na Comunidade, pensariamos que sería interesante dar esta axuda solidaria a outros lugares do mundo. Mais acontece que neste momento, coa crise que hai, moita xente de aquí precisa dela.

─ A instauración do Premio denota unha afinidade ideolóxica, por así dicir, coas persoas que emprenden accións solidarias?

— A xente que emprende estes proxectos merece axuda e toda a nosa consideración, porque desenvolven un labor social que ás veces é moi difícil e moi ingrato. Teñen todo o noso apoio.

— Que razóns impulsan unha/un profesional á solidariedade?

─ A resposta comeza xa na propia profesión. Somos profesionais sanitarios, e penso que sermos solidarios é algo que vai implícito na nosa vocación.

─ No entanto, ha de haber excepcións…

─ É certo que no mundo da odontoloxía estamos a ver xente que, por exemplo, se dedica a pór implantes, porque é co que se gaña diñeiro, e non fai empastes porque non gaña tanto. Iso implica pouca solidariedade e tamén implica pouco amor á profesión, pouco interese por conservar os dentes dos cidadáns. A algúns pódeselles acusar de pouco solidarios, mais eu insisto en que no mundo da sanidade todo comeza cunha intención solidaria, unha vontade de axuda aos demais.

─ O sistema público de saúde debería ampliar as súas prestacións en materia odontolóxica?

─ É algo que estou a pedir desde moito antes de ser presidente do ICOEV. O da Seguridade Social en materia odontolóxica é absolutamente vergoñento. Non é que debese ampliar as prestacións, é que debía cubrir a saúde odontolóxica. É indecente que se cubran algunhas prestacións que non preciso referir, e que á xente sen medios que non teña dentes non se lle permita ter unha dentadura.

─ Faltará moito para conseguirmos esta cobertura?

─ Eu penso que non o verei. Paréceme que non hai absolutamente ningún interese por desenvolver un labor a prol das persoas que non poden pagar unha dentadura. Isto sempre dependerá dunha decisión política, mais a miña impresión é que non interesa que a odontoloxía estea dentro da Seguridade Social, aínda que o pidamos desde a profesión.

─ Pensa que esta é unha arela maioritaria na profesión?

─ Eu penso que si. Paréceme que calquera persoa de ben quere que o sistema sanitario español cubra todas as necesidades… e a necesidade de poder comer é ben importante.

─ Vostede visitou en varias ocasións a Clínica Solidaria de Valencia. Que ambiente percibiu nestas visitas?

─ Sempre me recibiron nun ambiente excelente, e tamén me parecen excelentes as persoas que hai alí. é un ambiente positivo, cheo de sorrisos, como penso que debía de ser sempre o ambiente cando tratamos pacientes. Penso que todos os que están alí dentro van para faceren o ben, e por iso teñen o sorriso xa incorporado.

─ Con eses e outros contactos terá coñecido os métodos e valores de Odontoloxía Solidaria. Que lles parece a nosa ONG?

─ Paréceme moi ben, e opino que debía ter máis apoio por parte dos políticos. Penso que debían implicarse un pouco máis, apoiar máis do que xa apoian en aspectos como a mellora do local ou axudas económicas.

“A solidariedade é unha forma de estar agradecido á vida”

Ismael Tárraga

Ismael Tárraga

En Odontoloxía Solidaria non camiñamos sós. Sendo o voluntariado a forza motriz da Fundación, os nosos proxectos son tamén posibles grazas á complicidade doutras entidades e institucións. Sirva de exemplo o Colegio de Odontólogos e Estomatólogos de Albacete, cuxa colaboración foi vital no caso da posta en funcionamento da Clínica Solidaria da cidade de Castela-A Mancha. Ismael Tárraga, de 56 anos, preside desde 2014 este Colexio, que agrupa por volta de 230 profesionais.

— O Colexio de Albacete acompañou Odontoloxía Solidaria neste proxecto desde moi cedo. Como se produciu o primeiro contacto?

— Foi aos poucos días de tomar eu posesión como presidente do Colexio. Coincidín con Dolores Cuenca na rúa de forma casual, e faloume da súa intención de montar unha clínica solidaria en Albacete. Eu díxenlle que podía contar comigo, porque esa era tamén a miña idea. Ela foi a que propuxo traballarmos con Odontoloxía Solidaria, porque xa coñecía o funcionamento da clínica solidaria de Valencia. Tratámolo na Xunta do Colexio e pareceunos ben desde o primeiro momento. A decisión foi unánime. De feito, varias persoas da Xunta están a colaborar actualmente como voluntarias na clínica.

— Posteriormente, como se foi concretando a colaboración do Colexio?

— Maiormente no ámbito institucional. Fixemos xestións perante a Deputación para pedirmos axudas. Ao primeiro ían darnos un local, mais como finalmente non foi posible, pedimos unha axuda equivalente ao global do alugueiro dun ano. Falamos tamén co Concello de Albacete sobre a colaboración dos Servizos Sociais. Á inauguración da clínica viñeron tanto o alcalde da cidade como a vicepresidenta da Deputación, para alén do bispo de Albacete.

Tamén puxemos o proxecto en coñecemento de todos os nosos colexiados, que estiveron maioritariamente a favor, e en moitos casos colaboran todo o que poden. Ademais, fixemos xestións con outras entidades para tentar que nos concedesen axudas… O Colexio colabora en todo o que lle é posible… e un pouco máis. A colaboración mantense porque este é un proxecto que tamén consideramos noso e con esta óptica estamos a traballar para a súa continuidade e éxito.

— Que balance fai dos primeiros meses de funcionamento da clínica?

— Un balance moi positivo. Os voluntarios (quer sexan hixienistas, quer asistentes ou dentistas) están contentos co traballo que se está a facer. Os pacientes xa están a ver os resultados, e tamén se nota que están contentos. Viñeron moitos usuarios e está a facerse un grande número de visitas. Eu penso que estamos no bo camiño. Cada día van incorporándose novos voluntarios. A profesión implicouse co proxecto, porque veu cubrir un oco importante. Anteriormente, todos, nas nosas clínicas, fixemos cousas de forma altruísta con algúns pacientes, e por sorte agora temos unha clínica solidaria na cidade que fai precisamente iso.

Esta implicación da profesión a que se refire, denota que existe un espírito solidario entre os odontólogos da zona. Na súa opinión, por que cómpre ser solidario?

— Cómpre selo simplemente porque quen estamos nunha mellor situación debemos estar agradecidos á vida. Cómpre axudar as persoas que o precisan no noso contorno, porque facemos parte dunha sociedade da que non nos podemos abstraer. Debemos estar na realidade social. O noso traballo é coidar sorrisos, e non se me ocorre nada mellor que ver un sorriso no rostro das persoas que, polas súas condicións económicas, non puideron acceder a unha serie de tratamentos. Todas as actuacións que se fan a prol do contorno social acaban por repercutir nunha mellor xustiza social. Cómpre estar presente para compensar, sequera un pouquiño, as desigualdades.

— Que opinión ten sobre o modo de traballar e os protocolos de Odontoloxía Solidaria?

— Parécenme ben. Persoalmente, penso que hai algo que podía revisarse. Actualmente non se realizan ortodoncias, e eu penso que se podería tentar facer actuacións deste tipo. Dígoo pensando, nomeadamente, nas crianzas, que son as máis prexudicadas cando unha familia ten unha situación social desfavorable. Unha corrección con ortodoncia vai mellorar a súa saúde e estima. Penso que este é un aspecto a reconsiderar.

— Que impacto ten a clínica na poboación máis desfavorecida da zona?

Positivo, sen dúbida. Todo o mundo terá que recoñecer, e en realidade xa recoñece, que é un grande labor o que estamos a facer. Cada vez que comento con alguén cousas do proxecto, recibo opinións positivas. Iso é a diario. Paréceme que ten un impacto importante para a profesión, e para situármonos socialmente no lugar que nos corresponde. Temos que facer este labor.

— Fala da necesidade de facer este labor como se fose unha obriga moral…

Exactamente. Todo o mundo ten a obriga moral de tentar axudar as demais persoas. E cando digo todo o mundo falo dos odontólogos, os médicos, os condutores, os albaneis, os carpinteiros… Por exemplo, cando estabamos a acondicionar a clínica de Albacete viñeron carpinteiros a axudarnos que traballaron case de forma altruísta. Tamén cómpre destacar a colaboración solidaria do enxeñeiro técnico do proxecto. Dalgún modo, todos precisamos ser solidarios nalgún momento.

Pin It on Pinterest

Share This
X