Noticias

“Sinto que teño un deber coa xente que non tivo tanta sorte como eu”

Conchi Lanza

Conchi Lanza comezou a traballar hai vinte anos como protesista e máis tarde formouse como hixienista dentaria, profesión que exerce nunha clínica en Madrid e que combina cos estudos universitarios da carreira de Odontoloxía. A nosa compañeira, de 44 anos, é tamén voluntaria na Clínica Solidaria da capital e fixo parte da primeira expedición de Odontoloxía Solidaria a Tetuán (Marrocos) a finais de 2016.

─ Cando comeza a túa ligazón con Odontoloxía Solidaria?

— Hai pouco máis dun ano. Antes estiven a colaborar con outra ONG relacionada coa odontoloxía: Dental Coop. Participei con eles nun proxecto nos campamentos saharauís. Cada dous días iamos aos hospitais da zona, que están medio abandonados, e ademais de atender a xente preparabamos os asistentes que había, dándolles unha pouca de formación, maiormente no tema da desinfección.

— E que che trouxo á nosa entidade?

— Eu quería facer un traballo máis continuo. Unha compañeira miña, hixienista dentaria, faloume da clínica de Odontoloxía Solidaria en Madrid, á que comecei a acudir todas as semanas. O ambiente é moi bo, aínda que nos fan falta máis voluntarios. Aos pacientes sempre lles explico a importancia de manteren unha boa hixiene, advírtolles de que se non o fixeren poden perder os dentes que lles restan. Penso que se á xente lle explicas o porqué das cousas será máis consciente e porá máis da súa parte.

— Que te motivou para implicáreste primeiro en Dental Coop e posteriormente en Odontoloxía Solidaria?

— Eu síntome afortunada, e penso que teño un deber coa xente que non tivo tanta sorte como eu. Para min é unha obrigación. E, ademais, é unha obrigación que me fai sentir ben. Por así dicir, tamén é unha obrigación un pouco egoísta, porque un mesmo gaña moito. Dar a miña contribución para que outra persoa teña unha mellor calidade de vida ou sexa máis feliz, envolve unha satisfacción persoal. Son unha persoa con moita empatía, á que lle afectan as cousas, e penso que se fago algo que fai sentir mellor a outra persoa, eu tamén me sinto mellor.

— O pasado mes de decembro viaxaches a Tetuán coa primeira brigada de Odontoloxía Solidaria no proxecto conxunto que temos coa Asociación Hanan. Que valoración fas desa experiencia?

— Gustoume moito, e fiquei moi decepcionada ao non poder ir na segunda viaxe, porque tiña un exame nesas datas. Na primeira viaxe houbo que facer moito traballo previo, preparar o gabinete, e só puidemos traballar con pacientes un par de días. Gustei moito da expereincia, polas características do proxecto, que atende xente con discapacidades nun lugar onde hai moita pobreza. Sentes que axudas máis. Cando vas a sitios nos que calquera cousa que fixeres significa moito para eles, aínda senta mellor. Teño moita vontade de regresar a Tetuán.

— Antes de viaxar a Marrocos, participaches nas xornadas de formación previas que se fixeron en Estremadura. Fóronche de interese?

— Si, teño moi bo recordo. En realidade, fixéronseme curtas, porque penso que aínda teño moito por aprender. A experiencia de estar en quirófano impúxome moito respecto, porque me parece que é unha responsabilidade tratar crianzas con estas problemáticas, mais gustoume ben. Tamén me foi interesante a nivel profesional. Aínda que eu aquí, en Madrid, non traballo con este tipo de pacientes, o que aprendín alí tamén me son coñecementos de valor.

— Que dirías a un compañeiro de profesión para que veña a Odontoloxía Solidaria?

— Pois olla, eu coméntoo a amigas na profesión, mais penso que ao último iso ten que saír dun mesmo. Penso que cómpre ter empatía para axudar máis. A empatía tamén leva a que fagas mellor o teu traballo, a que entendas mellor o paciente. Estamos a traballar no ámbito da saúde, e non a vender chaquetas. Ser voluntario para aprender e gañar práctica está moi ben, porque todos aprendemos co voluntariado, mais é preciso ter claros os valores. Cómpre atender estes pacientes igual que os atenderías no sector privado.

“Odontoloxía Solidaria vive un momento de renovación”

Rafa Montaña

Rafa Montaña fai parte do primeiro grupo de profesionais do sector que, en 1994, fundou Odontoloxía Solidaria. Protesista dental de 56 anos de idade, ten o seu propio laboratorio en Granollers (Barcelona), ocupación que combina coas súas responsabilidades como vicepresidente da Fundación, na que asume a coordinación de clínicas. Así ve o presente e o futuro da nosa entidade.

— Antes de máis, cóntanos brevemente como naceu Odontoloxía Solidaria.

— Todo comezou cando un grupo de xente, como Mercè Morató e outros compañeiros, coincidimos a desenvolver accións solidarias nos campos de refuxiados do Sáhara. Despois, creamos a asociación Odontoloxía Solidaria en Granollers. Ao pouco tempo, descubrimos que había outras asociacións semellantes en España, como Dentistas Sen Fronteiras e Odontoloxía Sen Fronteiras. Reunímonos con elas en Menorca e propuxémoslles xuntármonos nunha única entidade. Odontoloxía Sen Fronteiras estivo de acordo e Dentistas Sen Fronteiras, non.

— Que supuxo a unión con Odontoloxía Sen Fronteiras?

— Que pasamos a ter unha estrutura en todo o territorio español. Motivábannos as mesmas cousas. Repara en que ambas as entidades tiñamos a palabra “odontoloxía” no nome, que é indicativo da vontade de abranguer todo o sector. A causa da fusión, tiñamos presenza en Madrid e Barcelona, e fixemos moitos proxectos en países en desenvolvemento. Até que unha das socias fundadoras de Odontoloxía Sen Fronteiras, Blanca Gómez de Balugera, nos cedeu unha clínica en Madrid, o que nos permitiu comezar a traballar aquí.

— Na actualidade son oito as clínicas que traballan debaixo do paraugas de Odontoloxía Solidaria, e es ti quen as coordina. Que supón esta responsabilidade?

— O meu traballo é tentar que todas as clínicas funcionen igual e ben, ademais de animar os grupos de voluntarios para atinxir unha mellor atención aos nosos usuarios, cunha unidade de criterio. Que as clínicas compartan protocolos é algo moi importante, mais houbo épocas nas que non había unha persoa que se ocupase disto, e de aí viña algún problema. Agora unificáronse procesos de traballo e prezos.

— Que diferenza Odontoloxía Solidaria das outras ONG do sector?

— En primeiro lugar, quero subliñar que todas as ONG do sector bucodental fan un grande traballo. Son compañeiros nosos e temos boa relación con eles. No noso caso, penso que o que nos diferencia é que traballamos maiormente en España, o que se traduce nun esforzo continuado, durante todo o ano, que envolve 400 voluntarios e os 15 traballadores das nosas clínicas. Isto é un grande esforzo diario.

— Que é o mellor das clínicas de OS e que aspecto do seu funcionamento debía ser mellorado en primeiro lugar?

— O mellor é a ente que temos nas clínicas, e con iso refírome tanto aos voluntarios como aos equipos técnicos. É certo que temos menos voluntariado que antes, mais é un voluntariado máis fiel, de modo que os equipos funcionan moito mellor. Isto facilita que poidamos atender ben a xente, mais tamén atendemos menos usuarios dos que nos gustaría, porque hai días en que nos faltan voluntarios.

— Segundo a túa experiencia, por que fai voluntariado a xente?

— Penso que hai dous tipos de persoas. Hai un voluntariado que vén para mellorar o currículo. Doutro lado, temos o voluntariado fiel, a persoa que fai isto para sentirse mellor. Colaborar para facer a vida máis fácil aos demais fai que un mesmo mellore. É o meu caso. Eu traballo uns días no meu laboratorio para gañar diñeiro, e outros días son voluntario en Odontoloxía Solidaria para sentirme ben.

— Tamén para denunciar unha situación inxusta?

— Tamén. Eu penso que as cousas se demostran ao facelas. Se só nos dedicamos a repetir as cousas que están mal, non mudamos nada. Cómpre demostrar que as mudanzas son posibles na práctica.

— En que momento está a Fundación do teu punto de vista?

— É un momento de renovación que comezou durante o último ano. Penso que é importante destacar que no novo Padroado hai xente moi implicada desde hai tempo no traballo diario das clínicas, e isto faime ser optimista.

— Como ves Odontoloxía Solidaria de aquí a cinco anos?

— Máis grande e máis forte. Nos últimos anos profesionalizamos os equipos técnicos e eu penso que isto xa está a dar os seus froitos, e dará aínda máis. Poderase atender máis xente e con total certeza teremos máis clínicas.

“Sentímonos afortunados colaborando con Odontoloxía Solidaria”

Abdeslam Bakouri

Abdeslam Bakouri

O Dr. Abdeslam Bakouri preside desde hai uns 25 anos a Asociación Hanan de Tetuán (Marrocos), entidade coa que Odontoloxía Solidaria comparte un proxecto centrado na atención bucodental de persoas con discapacidade. Médico de 68 anos de idade, combina as responsabilidades en Hanan co exercicio profesional no seu laboratorio de análises clínicas. Formado no noso país (estudou a carreira en Valencia e a especialidade en Madrid), o Dr. Bakouri fállanos da traxectoria e os obxectivos da asociación que preside, ben como da colaboración con Odontoloxía Solidaria.

— Con que obxectivos se fundou a Asociación Hanan?

— A Asociación Hanan fundouse no 1969, e o seu obxectivo é coidar das crianzas con discapacidade e darlles educación, quer dentro do cento educativo quer favorecendo a súa integración nas escolas ordinarias. Tamén temos bastantes obradoiros para a formación profesional. O noso obxectivo fundamental é a integración das crianzas con discapacidade. A nós non nos gusta chamarlles crianzas con necesidades especiais, preferimos definilas como crianzas con poderes especiais e pensamos que tendo estes poderes especiais poden estudar, poden traballar e poden integrarse.

— Cantas crianzas atenden na actualidade?

— Son case quiñentas. Traballamos na atención precoz, cando se detecta a discapacidade, co obxectivo de conseguir a súa integración tan logo como sexa posible. Procuramos preparalas para que aos seis anos se poidan integrar nas escolas normais. Desta maneira, deixamos o centro de educación especial só para discapacidades graves, ou para as crianzas que non encontran centro, porque neste ámbito non chega con matriculalas, senón que tamén é preciso adaptar as escolas e formar o profesorado. Felizmente, agora temos por volta de duascentas crianzas que están integradas nas escolas ordinarias e van moi ben. Cando saen das escolas, volven á asociación para obteren un título de formación profesional recoñecido polo Ministerio de Educación.

Cales son as discapacidades máis frecuentes?

— Temos capacidades auditivas e sensoriais, que son unha terceira parte, e na maioría dos casos problemáticas intelectuais, tanto síndrome de Down como autismo e outras… Tratamos todo tipo de discapacidade, excepto no caso das persoas cegas, que teñen unha fundación específica para elas. Como somos os pioneiros, desde o inicio viñéronnos todo tipo de persoas. Até o ano 1990 tiñamos internado, e viña xente de todo Marrocos. Actualmente non temos internado porque, felizmente, hai centros de educación especial por todo o país.

Como se financia a asociación?

— Con cotas dos nosos socios, que son por volta de 1800. A cidade de Tetuán é moi solidaria coa asociación e apoia calquera proxecto. Por outro lado, tivemos moitos proxectos coa Axencia Esañola de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, e con lugares como Andalucía, Valencia, Barcelona ou Bilbao. O noso maior problema é o día a día, porque na asociación traballan 120 persoas. Para alén da parte educativa, temos comedor, transporte… Precisamos de moitos especialistas, como ortofonistas, fisioterapeutas ou psicólogos.

— Que impresión levou cando se estableceron os primeiros contactos con Odontoloxía Solidaria?

— Tivemos unha grande sorte cando nos visitou Núria Camps a primeira vez. En pouco tempo fixemos un convenio e veu un primeiro equipo. Agora van vir outra vez, o próximo día 26 de febreiro. Encargáronse do equipamento que faltaba para a consulta de odontoloxía. Somos afortunados.

— De que modo contribúe Odontoloxía Solidaria aos obxectivos da Asociación Hanan?

— Para nós esta é unha cuestión moi importante, porque as crianzas con discapacidade acostuman ter moitos problemas de hixiene oral. Faltábanos unha colaboración e unha alianza neste ámbito, e encontrámola con Odontoloxía Solidaria. Foi importantísimo polo material que conseguimos a través do proxecto, e tamén polas persoas que viñeron. Son xente moi competente, como o Dr. Jesús Rueda, que ten moita experiencia en atención odontolóxica de crianzas con discapacidade. Todos os que viñeron son xente con moita dedicación. Estamos moi contentos de termos chegado a un convenio cunha Fundación tan importante e tan seria.

— Por tanto, é vostede optimista en relación ao futuro da colaboración entre a Asociación Hanan e Odontoloxía Solidaria…

— Si. Ás veces inícianse proxectos só para un ano, e sempre existe a posibilidade de que non haxa continuidade. Mais o convenio que asinamos con Odontoloxía Solidaria é para tres anos, con equipamento total. E, especialmente, coa boa vontade da xente da Fundación, que viu que Hanan precisa desta colaboración, e está involucrada.

— Por que decidiu vostede no seu día implicarse na Asociación Hanan?

— Cando estudaba en España coñecín varias ONG e pareceume magnífico o que estaban a facer. Ao volver para Marrocos, vin que no meu país había moi poucas entidades solidarias. Fíxenme membro da Asociación Hanan co antigo presidente, que antes de morrer, en 1993, pediume que me encargase da asociación. Ao inicio non pensei que me fose involucrar tanto, mais co tempo un está contento do que está a facer, porque hai bos resultados. Crecemos, tivemos apoios moi importantes tanto en Marrocos como en España, e isto estimula.

— Ten vostede algunha persoa con discapacidade na súa familia?

— Non, nin na miña familia nin no meu círculo próximo. É certo que moita xente se implica coa Asociación como consecuencia de ter persoas con discapacidade na súa familia, mais non é o meu caso. Aínda que tamén lle digo que, para min, Hanan é a miña familia…

— De onde vén a súa motivación solidaria?

— Se pensamos que no mundo hai dous tipos de xente: persoas con necesidade e persoas sen necesidade, estamos errados. Todos podemos ter unha necesidade en calquera momento. Un non debe ser egoísta e pensar: este problema non é meu. É un problema de todos! Se eu teño posibilidades, debo pensar en quen non ten esas posibilidades. Debemos axudar, porque como di o refrán, é de ben nacido ser agradecido. Os que agora non temos problemas debemos estar contentos e ser solidarios, porque algún día vamos precisar tamén que outra xente sexa solidaria connosco.

‘Toc-toc’, teatro solidario en Albacete

A Fundación Odontoloxía Solidaria organiza a representación teatral da comedia Toc-toc, que terá lugar o próximo 25 de febreiro no Teatro Municipal de Albacete (19 horas). O donativo do billete é de 6 euros.

Escrita polo autor francés Laurent Baffie, e subtitulada A comedia máis obsesiva, Toc-toc é unha farsa cómica en dous actos que conta o encontro, na sala de espera dunha consulta de psiquiatría, de seis persoas, cada unha cun TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) diferente. A obra foi estreada en 2005 en París, e desde entón vírona miles de espectadoras e espectadores en Francia, Bélxica, Canadá e España.

Tendencia para dicir obscenidades (coprolalia), repetición sistemática de palabras ou frases (palilalia), necesidade patolóxica de contar obxectos (aritmomanía), medo extremo a enfermar (nosofobia), perturbación da linguaxe que consiste en que a persoa enferma repite, involuntariamente, unha palabra ou frase que acaba de ouvir ou que ela mesma acaba de pronunciar (ecolalia)… Eses son algúns dos trastornos que sofren as e os protagonistas da obra, e cuxa cura van procurar á consulta. As situacións que se crean nesta sala de espera son fonte de comicidade para as e os espectadores.

O espectáculo será representado polo grupo de teatro local Miel Sobre Hojuelas, coa dirección de Juan Pedro Bermúdez Algaba. Os billetes poden comprarse na Clínica Solidaria de Albacete (r/ Gerona, 21, local), a Clínica Dental Doctora Cuenca (r/ Tesifonte Gallego, 27, 2º) e o Colexio de Odontólogos de Albacete (Praza Altozano, 11, 1º esq.).

O Consello Xeral de Dentistas recibe o Premio OS 2016

Entrega Premio OS

Óscar Castro (dereita) recibe o XI Premio OS

O Consello Xeral de Dentistas de España recibiu o XI Premio Odontoloxía Solidaria, outorgado polo Padroado da Fundación coa finalidade de recoñecer o labor de quen desenvolveron accións sanitarias en beneficio das persoas con dificultades para acceder á saúde bucodental. O presidente do Consello, o Dr. Óscar Castro, recolleu o galardón o pasado 28 de xaneiro en Madrid, nun acto celebrado após a Asemblea Xeral de Odontoloxía Solidaria.

No seu discurso de aceptación, Castro agradeceu a distinción, sinalando que supón “unha honra que se valore o traballo desinteresado que fan tantos profesionais para que unha odontoloxía de calidade e verdadeiramente solidaria estea ao servizo das persoas que realmente o precisan”. O presidente do Consello gabou tamén o traballo de Odontoloxía Solidaria e das voluntarias e traballos que traballan nas súas oito clínicas en diversas cidades.

Óscar Castro avogou na súa intervención pola necesidade de “garantir que as persoas con máis necesidades reciban os tratamentos odontolóxicos que demandan”, pondo énfase, a continuación, na necesidade de “evitar coas diferentes accións de índole política que estamos a efectuar, que os empresarios sen escrúpulos poidan xogar coas ilusións e coa saúde dos máis desfavorecidos”. Neste sentido, engadiu que o Consello traballa por unha regulación da publicidade sanitaria que impida que determinadas firmas lancen mensaxes enganosas, “para isto xa temos o compromiso do Ministerio de Sanidade e o apoio dunha ampla maioría de Deputados e Senadores”.

O presidente do Consello indicou que este organismo, a través da Fundación Dental Española, “avalou e apoiou recentemente as doce clínicas solidarias que dependen de colexios oficiais de dentistas, e estamos a traballar para que a nosa mensaxe chegue con nitidez á sociedade. Porque é nestas clínicas, e noutras semellantes como as da vosa Fundación, grazas ás que puidestes atender máis de 50.000 persoas desde o ano 1994, nas que se pode e se debe confiar”.

A entrega do XI Premio Odontoloxía Solidaria tivo lugar na sede da Asociación Española de Fundacións, cuxo presidente, Javier Nadal, asistiu ao acto en compañía doutros convidados, como o Dr. Antonio Montero, presidente do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da I Rexión, o Dr. Agustín Moreda, presidente do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da VIII Rexión e o Dr. Ismael Tárrega, presidente do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Albacete.

María Dolores Cuenca, nova presidenta de Odontoloxía Solidaria

María Dolores Cuenca

María Dolores Cuenca

A Dra. María Dolores Cuenca é a nova presidenta de Odontoloxía Solidaria e estará á fronte do novo Padroado da entidade, que foi aprobado polas socias e socios da mesma durante a Asemblea Xeral celebrada en Madrid o pasado sábado, 28 de xaneiro.

A Dra. Cuenca, que releva a Albert Cabestany no cargo, asume a presidencia dun Padroado moi renovado que tamén está integrado polo Dr. Jesús Rueda (vicepresidente), Rafa Montaña (vicepresidente), Rosa María Tarragó (secretaria), o Dr. José Manuel Díaz López-Dóriga (tesoureiro), Alba Murillo (vogal), Marisol Velarde (vogal), Lara Vivero (vogal), Silvia Yuste (vogal) e o Dr. Federico Gerona (vogal).

Médica estomatóloga de 59 anos, María Dolores Cuenca promoveu que a clínica de Odontoloxía Solidaria en Albacete botase a andar, sendo inaugurada o 17 de febreiro do ano 2016. Nesta entrevista, publicada con motivo da apertura da clínica castelanomanchega, Cuenca relata o longo proceso de traballo previo que comportou, ben como as complicidades que se xeraron para que o proxecto saíse adiante. A súa alta implicación na Fundación levou María Dolores Cuenca a facer parte da primeira brigada de Odontoloxía Solidaria en Marrocos, o pasado mes de decembro.

Máis de 6900 persoas atendidas en 2016

As oito clínicas de Odontoloxía Solidaria atenderon en 2016 un total de 6968 persoas en risco de exclusión social; pacientes que chegaron á nosa entidade derivadas e derivados polos servizos sociais de Concellos e Comunidades Autónomas, centros de saúde e entidades do Terceiro Sector. Os primeiros datos, provisorios, da actividade da Fundación durante o ano pasado, indican que entre estas persoas usuarias, 788 eran menores de até 14 anos de idade. O número de pacientes novas e novos que recibiron tratamento por parte de OS durante o mesmo período chega a 4702.

O labor realizado débese, esencialmente, ao voluntariado da Fundación, que destinou á acción solidaria un total de 13 860 horas de traballo, que en condicións de mercado custarían 758 925 euros. Odontoloxía Solidaria contou en 2016 coa participación de 368 persoas voluntarias. A maioría delas (48%) eran odontólogas, seguidas por hixienistas (22%), estudantes (14%), asistentes odontolóxicas (8%), auxiliares administrativas, hixienistas en prácticas (3%) e persoas con outros perfís (2%).

O impacto social do traballo realizado é evidente, a pesar de que aínda é moito o traballo que temos pendente, pois cónstanos que aínda están en lista de espera para comezar un tratamento 5299 persoas.

“Sen axudar os demais, a vida non ten sentido”

Marisol Velarde

Marisol Velarde

Marisol Velarde, de 38 anos, é odontóloga endodoncista. Estudou a carreira na súa Bolivia natal, para mudarse despois a Madrid, onde comezou a colaborar con Odontoloxía Solidaria. Actualmente reside en Andalucía, e é a Delegada Social da Clínica Solidaria de Fuengirola (Málaga).

— Como comezou o teu contacto coa Fundación?

— Foi hai catro anos, cando estaba a facer a homologación na Universidade Complutense de Madrid, e uns compañeiros da facultade faláronme de Odontoloxía Solidaria e da posibilidade de traballar de voluntaria. Procurei a través de Internet para ver de que se trataba, e despois contactei coa Clínica Solidaria de Madrid, que está en Vallecas.

— Era a túa primeira experiencia no mundo do voluntariado?

— Non. Xa en Bolivia, cando rematei a carreira, estivera a colaborar nun centro de crianzas con discapacidade mental, onde había unha clínica dentaria. Estiven un par de anos naquel centro como voluntaria e despois fun a un psiquiátrico… Cando vin para España e tiven a oportunidade de traballar outra vez como voluntaria encontrei Odontoloxía Solidaria, que é o mellor, realmente, porque é o que eu sei facer. A vida lévame por camiños de voluntariado. Faime sentir mellor, é claro. Son completamente feliz.

— Estiveches dous anos de voluntaria en Madrid, e agora estás na clínica de Fuengirola.

— Si, falta pouco para facer os dous anos. Mudei de cidade por razóns persoais, e todo foi por casualidade. Cando fun de Madrid a Fuengirola, acudín a unha entrevista de traballo e encontrei a Ana Campi, que me contou que había uns poucos meses que se abrira a clínica de Fuengirola. Eu estaba encantada porque cando comecei a vivir aquí non tiña traballo, e podía ir todos os días a Odontoloxía Solidaria. Agora a miña situación laboral mudou, traballo como autónoma en diferentes clínicas, e non podo ir tanto. Teño libre unha quenda por semana, facendo todo o posible.

— É boa a relación cos compañeiros?

— Claro. Isto é case como unha relixión. As persoas que van alí son coma ti, de maneira que ambiente é estupendo. Todos son un amor, achegan o seu tempo e o seu traballo. Os compañeiros de OS son diferentes, teñen outro punto de vista sobre a odontoloxía, no sentido de que o teu traballo non é algo que fagas por diñeiro, senón por vocación.

— E como é a túa relación coas persoas usuarias, que moitas veces pasan por situacións persoais bastante duras?

— Eu veño dunha familia humilde, na que foi un pouco complexo saír adiante, e teño moita empatía coa xente. Non teño empatía porque o traballo o requira, por psicoloxía, senón porque me sae da alma. Hai unha conexión humana cos pacientes.

— Es a Delegada Social da clínica de Fuengirola. Fálanos un pouco desta responsabilidade…

— Ben… iso xurdiu porque eu era das que máis ía á clínica, e coñecía case todos os voluntarios. Propuxéronme que fose eu a delegada e aceptei. Continúo a ser a mesma, só tento que os voluntarios participen un pouco máis, e procuro estar pendente da xente…

— Que dirías a un compañeiro de profesión para que veña a Odontoloxía Solidaria?

— Diríalle que a vida sen axudar os demais non ten ningún sentido. E máis no ámbito da odontoloxía, que é algo moi caro e inaccesible para moitas persoas.

“A nosa sociedade avanzará grazas á solidariedade”

Robert Monsó

Robert Monsó

Robert Monsó, médico odontólogo de 58 anos, colabora na Clínica Solidaria SOPS Badalona, que atende pacientes con VIH, e á que acode como voluntario quincenalmente. As súas motivacións solidarias teñen un vector duplo, espiritual e social, de que nos fala nesta conversa.

O teu vínculo con Odontoloxía Solidaria vén de lonxe…

— Si. Cheguei a través dunha odontóloga que eu coñecía e que colaboraba na Fundación: ela contoume como funcionaba… Comecei como voluntario en SPOTT Barcelona, onde estiven un par de anos a colaborar. Despois deixeino, e uns poucos de anos máis tarde volvín a contactar con Odontoloxía Solidaria para retomar a colaboración. Desde hai catro anos son voluntario en SOPS Badalona.

Por que decidiches retomar a colaboración?

— Quería exercer como voluntario dentro do meu ámbito laboral. Como xa tiña a experiencia da miña primeira época con Odontoloxía Solidaria, decidín regresar. Eu son cristián evanxélico e sigo a ensinanza de Xesús no que se refire a achegarse aos demais, axudalos e comprender as súas necesidades. Neste sentido, colaboro en diversas entidades. Son voluntario de Amics da Gent Gran, onde fago acompañamento dunha aboa de 103 anos, que é a veterana da ONG. Na comunidade da miña igrexa facemos doazón de alimentos, e tamén colaboro coa ONG Nova Vida do barrio do Raval en Barcelona, onde organizamos ceas para persoas sen abrigo.

Para alén da motivación que se deriva do aspecto relixioso, nesta actividade hai tamén unha compoñente social?

— Claro que si. A miña motivación de fondo é espiritual mais o que procuraba Xesús, como procuro eu, era a xustiza social, algo que non existe no mundo. Trátase de dar un pouco do que recibes á xente que o precisa.

En Badalona trátanse pacientes con VIH. Que características especiais ten traballar con estas persoas?

— Basicamente, son persoas que teñen má saúde. Cómpre estar atento aos tratamentos que se aplican, especialmente nas extraccións, polo tema da coagulación. Pero para outros aspectos non hai diferenza ningunha.

Cal é a túa experiencia ao tratar con estas persoas usuarias?

— Moi boa, hai unha relación moi boa. Eles saben que nós somos voluntarios, e sempre hai unha disposición especial, e moi bo entendemento en xeral, aínda que sempre poida existir algunha excepción. As persoas que veñen agradecen moito o traballo que facemos e fican contentas con el. Ademais de prestar un servizo, tamén recibes moito da xente que vén; basicamente, o seu agradecemento, ou o ver que están contentos cando saen da clínica coa boca arranxada, que é algo moi importante para eles por causa do traballo. É a satisfacción de facer feliz a xente.

Esa é a túa recompensa, non?

— Si, aínda que non fago isto na procura dunha recompensa. Mais si, alégrate ver que realmente estás a facer un traballo necesario, porque hai xente que non ten posibilidade de ser tratada noutro lugar.

Pensas que, en xeral, esta profesión é solidaria?

— Penso que ultimamente a cousa foi a máis, quizais porque no ámbito profesional a día de hoxe hai máis oferta que demanda. Nestes últimos anos houbo unha mudanza bastante importante na profesión. Existen varias entidades que traballan neste tema, e outras que traballan fóra do noso territorio. Eu tiven a posibilidade de colaborar en África. Isto significa que, pouco a pouco, está a ser unha profesión máis solidaria.

Fálanos da experiencia en África que referiches hai un anaco…

— Estiven na Guinea Ecuatorial. Estiven 15 días nunha clínica odontolóxica. Fixen este voluntariado cunha ONG que se chama Más que Salud, que é unha entidade cristiá evanxélica. Fomos alí profesionais de diversas especialidades médicas: medicina xeral, pediatría, odontoloxía…

Dicías antes que a profesión é máis solidaria agora do que antes. Dirías que a nosa sociedade tamén?

— Eu penso que si e que grazas a iso a nosa sociedade avanzará. Se ficásemos a agardalo dos de arriba, estabamos bos. Eu penso que hai moita solidariedade, moita xente que se move. Penso que, en xeral, temos consciencia de que cómpre ser solidario co próximo, porque nun momento determinado podes ser ti quen precise axuda. A vida dá moitas voltas e nunca sabes onde podes ir dar. Hoxe hai moita información, móvense moitas cousas, existen moitas entidades, e penso que quen quere, colabora. Neste momento non podes escusarte co descoñecemento. Non hai escusa para non colaborar.

E que se debe facer para que os de arriba tamén fagan o que corresponde?

— Boa pregunta… Penso que debían andar máis a pé e tocar un pouco máis a rúa, coñecer mellor a realidade. Paréceme que tamén son conscientes diso. Ultimamente hai partidos políticos que poñen máis énfase no problema social, quer sexa en relación á pobreza enerxética quer ao tema alimentar. Eu penso que o diñeiro pode redistribuírse doutra forma, e que no noso mundo non debía haber as carencias e diferenzas que existen actualmente. É precisa unha mudanza de mentalidade a nivel político, que pouco a pouco está a chegar.

“Todos temos capacidades para mellorarmos este mundo”

Dimitrii Chursin

Dimitrii Chursin

En 2014, Dimitrii Chursin chegou procedente de Moscova ao noso país, onde se instalou coa súa familia. Odontólogo de 33 anos, é unha das persoas voluntarias da Clínica Solidaria de Valencia, experiencia que valora moi positivamente durante a conversación que tivemos con el.

Canto tempo levas en Odontoloxía Solidaria?

Comecei a primavera pasada. Convidoume a miña muller, Mariia, que tamén é voluntaria na clínica de Valencia. Eu nunca traballara nunha entidade solidaria, e decidín probar. Agora podo dicir que estou moi satisfeito coa experiencia e dou as grazas á miña muller por me ter convidado á Clínica Solidaria. Até agora, en realidade eu non sabía que me gustaba axudar a xente. Gústame cando vexo que un paciente está contento, que sae da consulta cun sorriso, feliz. Cando isto acontece, teño tamén unha sensación de ledicia, dáme moita forza a min mesmo. Dáme forza para seguir adiante. Ás veces o noso traballo é ben duro, mais cando ves un paciente contento, e que che conta que a súa vida mellorou moito, é algo que merece moito a pena. É un grande estímulo.

Por que dis que o voso traballo é ben duro?

Ás veces hai moito estrés. Cómpre tomar decisións, temos unha responsabilidade. Os pacientes que veñen á clínica teñen moitos problemas, e con frecuencia un problema vai acompañado doutros. Normalmente, o seu estado bucal é reflexo do seu estado xeral, da vida que levan. Nós entendemos perfectamente que os nosos pacientes son persoas que teñen moitas dificultades, e podemos solucionar, polo menos, unha parte desas dificultades. Para un paciente é moi importante volver a sorrir, é algo que non ten prezo.

Cóntanos en breve como é o trato coas persoas usuarias da clínica no día a día…

Depende das persoas. Hai casos moi complexos, maiormente nos pacientes que teñen algún tipo de discapacidade. Debemos estar preparados para estes casos, darlles a mesma atención, e ás veces é algo difícil, porque encaramos situacións bastante complicadas. Tamén hai ocasións en que debemos explicar ao paciente cuestións básicas de hixiene oral, explicarlle por que a súa saúde bucal é importante e o modo en que inflúe na súa vida. Calquera tratamento, por bo que for, non aguantará moito sen que o propio paciente se esforce por mantelo: a súa saúde bucal tamén depende del. A educación dos pacientes é moi importante.

Dirías que en Odontoloxía Solidaria aprendiches máis a nivel profesional ou a nivel humano?

Nos dous niveis. Como che dicía, na parte odontolóxica encaramos casos clínicos complicados que implican tomar decisións. Normalmente falo cos meus colegas, con protesistas dentarios e con outros odontólogos, para poder escoller a mellor solución para o meu paciente. Mais o factor humano inflúe moito. Agora comprendo perfectamente como é traballar con persoas con dificultades de varios tipos, con problemas graves. É moi importante saber tratar estas persoas, e é a mellor experiencia posible. Para min todos os pacientes son iguais; segundo os casos, a abordaxe é diferente, mais o resultado ten que ser sempre o mesmo: un bo tratamento.

Como definirías o ambiente de traballo?

É un ambiente de respecto mutuo, que che transmite a sensación de equipo. En calquera momento podes pedir axuda aos teus compañeiros de traballo, sempre funciona o apoio entre nós. Se un compañeiro non é capaz de atender o seu paciente debido ao traballo que ten, eu encárgome de atender ese paciente para que non teña que agardar. É como unha familia, a compoñente de amizade está presente. E o respecto, insisto, sen respecto non pode existir un equipo, nin unha familia.

Como explicarías o que facemos en Odontoloxía Solidaria a alguén que non saiba nada de nós?

Diríalle que o que facemos é moito máis que só traballo, é outro nivel. Como persoas dun mundo aberto, do espazo único que é o noso planeta, é mellor axudármonos entre nós compartindo a nosa experiencia, independentemente do país, da relixión ou do que for. Cada un de nós ten capacidade para mellorar este mundo. Hai moitas cousas que eu non sei facer, pero son odontólogo, e se o meu traballo fai un pouco mellor este mundo, non pido máis. Cada día vemos como mudamos a vida dos nosos pacientes, e iso é o mellor de todo.

Pin It on Pinterest

Share This
X