Guitart y Cabestany en el acto de firma de la donación, junto a otros miembros del Grup de Llinars

Guitart e Cabestany na sinatura da doazón, xunto aos outros membros do Grup de Llinars

En 1999, sete familias catalás comezaron a xuntarse anualmente para compartiren as celebracións da Pascua. Uns anos máis tarde, en 2003 (cando as fillas e fillos destes matrimonios xa eran maiores), as sete parellas resolveron establecer unha continuidade de grupo, co obxectivo de compartiren tanto o seu periplo vital como os valores da fe cristiá. A comunidade adoptou o nome de Grup de Llinars, localidade onde tiñan lugar os seus encontros. O pasado 21 de xullo, unha representación deste colectivo visitou a Clínica Solidaria de Granollers, onde se asinou unha xenerosa achega a Odontoloxía Solidaria, de 2 520 euros, por parte do Grup de Llinars; doazón que contribuirá a reforzar a acción da nosa entidade en favor da saúde oral dos sectores de poboación máis desfavorecidos da nosa sociedade.

Josep Maria Guitart asinou o acordo en nome do grupo, co presidente de Odontoloxía Solidaria, Albert Cabestany. Guitart, informático de 49 anos, explícanos que as persoas que integran este colectivo reúnense “mensualmente para cearmos e orarmos conxuntamente na casa dunha familia, por orde rotatoria. É unha maneira de compartirmos a vida e as experiencias de cada persoa”. A partir destas reunións, “chegou un momento no que pensamos que podiamos facer accións conxuntas, sendo solidarios na medida das posibilidades de cada persoa”. En 2007, pois, “creouse un fondo común de diñeiro para ser adxudicado a necesidades urxentes, ben como a persoas ou entidades que o precisasen”. Entre as achegas realizadas pola comunidade nos últimos nove anos figuran doazóns a Cáritas ou ao Proyecto Encuentro en Puyo (Ecuador), entre outros.

A decisión por parte do Grup Llinars de facer estas achegas xurdiu despois dun proceso de reflexión no que “quixemos que cada persoa tomase consciencia dos ingresos que tiña, a que dedicaba o diñeiro e que parte dos recursos destinaba á solidariedade. Esta reflexión fíxonos ver que, probablemente, podiamos facer máis do que faciamos individualmente”.

Na opinión de Guitart, o feito de seren solidarios significa “sermos coherentes coa nosa fe. Do mesmo xeito que a nós nos gustaría que nos axudasen se tivésemos unha necesidade, ollamos para fóra para axudar a quen o precisa”. Tamén por unha aspiración de tipo social, porque “vemos que as institucións realmente non están á altura nin se sitúan no plano que requiren as circunstancias. Pensamos que a unión fai a forza, e que a onde non chega unha persoa soa cunha pequena cantidade, si chegan as achegas conxuntas. O Estado non é coherente, non axuda, e se pequenos grupos como o noso se implicasen, as cousas habían ir mellor”. O Grup de Llinars colabora en proxectos “nos que podemos saber a que se destina o diñeiro, onde comeza e onde remata todo”.

Foi o propio Josep Maria Guitart quen, a través dun contacto persoal, coñeceu o traballo de Odontoloxía Solidaria e propuxo ao resto da comunidade realizar unha achega á entidade. “Pareceunos moi interesante a forma de traballar, de ir abrindo clínicas, e pensamos que aínda que esta non sexa unha acción urxente, si é necesaria. Pareceunos que colaborar na compra de material para novos centros é moi beneficioso socialmente, ten un impacto importante e con continuidade. Ademais, detrás hai persoas que achegan o seu tempo e os seus coñecementos para faceren un servizo moi necesario. A nosa achega económica é un gran de area máis”.

Pin It on Pinterest

X