Perante a celebración, o próximo día 20 de marzo, do Día Mundial da Saúde Oral, a Fundación Odontoloxía Solidaria quere expresar o seu compromiso cos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade, reivindicando o Dereito Universal á Saúde Oral, que do noso punto de vista debe traducirse na plena incorporación da odontoloxía no sistema sanitario público.

Desde que iniciou as súas actividades en 1994, Odontoloxía Solidaria non deixou de atender persoas en risco de exclusión social que, por causa da súa situación socioeconómica, non poden acceder aos tratamentos que precisan a prezos de mercado. En paralelo, a nosa organización pediu e continuará a pedir aos poderes públicos que asuman estes tratamentos con carácter xeral.

ONG como a nosa teñen como finalidade última desaparecer, porque iso significaría que a súa acción social deixou de ser necesaria. No entanto, e mentres a Administración non dea os pasos precisos na dirección indicada, continuaremos a traballar nas oito clínicas que a Fundación mantén abertas noutras tantas cidades do Estado español, en beneficio das capas de poboación máis golpeadas pola crise.

Durante o pasado ano 2015, as clínicas da Fundación atenderon un total de 6732 persoas, entre elas 414 crianzas de 0 a 14 anos. Estas persoas persoas chegaron até nós derivadas polos servizos sociais municipais, centros de saúde, entidades do terceiro sector ou outras vías. Algo máis de 4000 das persoas atendidas foron pacientes novas e novos, realizáronse próteses para 1247 persoas usuarias.

Mesmo así, aínda están en lista de espera outras 4424 persoas, cifra que revela a grave situación que padecen tantas persoas do noso contorno. Por todo o exposto, pensamos que os obxectivos, valores e reivindicacións de Odontoloxía Solidaria teñen máis sentido do que nunca, e neles continuamos a traballar grazas ao impulso das 362 persoas voluntarias que durante 2015 desenvolveron traballo solidario no seo da Fundación.

Pin It on Pinterest

X