Actualidade

O Premio á Solidariedade do ICOEV recae en OS por terceiro ano consecutivo

LOGO_gran_Clinica_OS_Valencia2O Ilustre Colegio Oficial de Odontólogos y Estomatólogos de Valencia (ICOEV) concedeu o seu Premio á Solidariedade a Odontoloxía Solidaria. O galardón está dotado con 2500 euros.

Nun comunicado feito público hoxe, fontes colexiais destacan que Odontoloxía Solidaria conseguiu o premio por terceiro ano consecutivo “a causa do seu recoñecido labor de atención a pacientes en risco de exclusión social na provincia de Valencia a través da súa clínica situada na rúa Balmes”.

A Xunta de Goberno do ICOEV, engade o comunicado, estimou nas deliberacións do veredicto o “carácter de axuda enfocada á poboación con serias dificultades de acceso á atención odontolóxica” por parte da Fundación.

Durante os seus anos de actividade na cidade de Valencia, Odontoloxía Solidaria atendeu 15 000 pacientes, grazas ao labor voluntario de numerosas e numerosos profesionais do sector bucodental. Durante o primeiro semestre de 2016, a Clínica Solidaria de Valencia atendeu 735 persoas derivadas polos servizos sociais de diversas localidades da provincia, contando coa acción solidaria de 25 dentistas.

SEPES concede unha bolsa de 6000 euros para a futura Clínica Solidaria de Burgos

José Manuel Díaz (centro) recibe a Bolsa SEPES Solidaria 2016 en Bilbao

José Manuel Díaz (centro) recibe a Bolsa SEPES Solidaria 2016 en Bilbao

A Sociedade Española de Próteses Estomatolóxica e Estética (SEPES) concedeu a Odontoloxía Solidaria a Bolsa SEPES Solidaria 2016, dotada con 6000 euros, como achega ao proxecto presentado no seu día por parte da Fundación, coa finalidade de dotar a futura clínica de Burgos dunha Cadeira de Dentista SEPES Solidaria.

O noso compañeiro José Manuel Díaz López-Dóriga, promotor da iniciativa e ex-presidente de Odontoloxía Solidaria, recibiu o diploma que acredita a concesión desta importante bolsa onte, sábado día 15 na cidade de Bilbao, no cadro da Asemblea Anual de SEPES.

SEPES é unha asociación científica sen fins lucrativos que agrupa profesionais da odontoloxía dedicados principalmente aos ámbitos da prótese e a estética dental. A entidade constituíuse en 1970 e na actualidade é unha das sociedades científicas do campo da odontoloxía de maior prestixio. A día de hoxe conta con máis de 3500 profesionais asociadas/os.

Convocado o Premio Odontoloxía Solidaria 2016

S_2_gaA Fundación Odontoloxía Solidaria convoca o Premio OS, galardón establecido en 2006 pola entidade, coa finalidade de recoñecer o traballo das persoas físicas ou xurídicas, quer en España quer no estranxeiro, que desenvolveron accións sanitarias en beneficio das persoas con dificultades para acceder á saúde bucodental.

Poden optar ao premio as persoas físicas ou xurídicas que traballaron de maneira continuada para facilitar a saúde bucodental a persoas desfavorecidas desde, polo menos, un ano antes da data anual de convocatoria do premio.

As persoas particulares ou institucións interesadas, poderán consultar as Bases Reguladoras do Premio Odontoloxía Solidaria 2016 nesta ligazón. O prazo de presentación de candidaturas remata o 28 de outubro de 2016.

O Grup de Llinars doa máis de 2 500 euros a Odontoloxía Solidaria

Guitart y Cabestany en el acto de firma de la donación, junto a otros miembros del Grup de Llinars

Guitart e Cabestany na sinatura da doazón, xunto aos outros membros do Grup de Llinars

En 1999, sete familias catalás comezaron a xuntarse anualmente para compartiren as celebracións da Pascua. Uns anos máis tarde, en 2003 (cando as fillas e fillos destes matrimonios xa eran maiores), as sete parellas resolveron establecer unha continuidade de grupo, co obxectivo de compartiren tanto o seu periplo vital como os valores da fe cristiá. A comunidade adoptou o nome de Grup de Llinars, localidade onde tiñan lugar os seus encontros. O pasado 21 de xullo, unha representación deste colectivo visitou a Clínica Solidaria de Granollers, onde se asinou unha xenerosa achega a Odontoloxía Solidaria, de 2 520 euros, por parte do Grup de Llinars; doazón que contribuirá a reforzar a acción da nosa entidade en favor da saúde oral dos sectores de poboación máis desfavorecidos da nosa sociedade.

Josep Maria Guitart asinou o acordo en nome do grupo, co presidente de Odontoloxía Solidaria, Albert Cabestany. Guitart, informático de 49 anos, explícanos que as persoas que integran este colectivo reúnense “mensualmente para cearmos e orarmos conxuntamente na casa dunha familia, por orde rotatoria. É unha maneira de compartirmos a vida e as experiencias de cada persoa”. A partir destas reunións, “chegou un momento no que pensamos que podiamos facer accións conxuntas, sendo solidarios na medida das posibilidades de cada persoa”. En 2007, pois, “creouse un fondo común de diñeiro para ser adxudicado a necesidades urxentes, ben como a persoas ou entidades que o precisasen”. Entre as achegas realizadas pola comunidade nos últimos nove anos figuran doazóns a Cáritas ou ao Proyecto Encuentro en Puyo (Ecuador), entre outros.

A decisión por parte do Grup Llinars de facer estas achegas xurdiu despois dun proceso de reflexión no que “quixemos que cada persoa tomase consciencia dos ingresos que tiña, a que dedicaba o diñeiro e que parte dos recursos destinaba á solidariedade. Esta reflexión fíxonos ver que, probablemente, podiamos facer máis do que faciamos individualmente”.

Na opinión de Guitart, o feito de seren solidarios significa “sermos coherentes coa nosa fe. Do mesmo xeito que a nós nos gustaría que nos axudasen se tivésemos unha necesidade, ollamos para fóra para axudar a quen o precisa”. Tamén por unha aspiración de tipo social, porque “vemos que as institucións realmente non están á altura nin se sitúan no plano que requiren as circunstancias. Pensamos que a unión fai a forza, e que a onde non chega unha persoa soa cunha pequena cantidade, si chegan as achegas conxuntas. O Estado non é coherente, non axuda, e se pequenos grupos como o noso se implicasen, as cousas habían ir mellor”. O Grup de Llinars colabora en proxectos “nos que podemos saber a que se destina o diñeiro, onde comeza e onde remata todo”.

Foi o propio Josep Maria Guitart quen, a través dun contacto persoal, coñeceu o traballo de Odontoloxía Solidaria e propuxo ao resto da comunidade realizar unha achega á entidade. “Pareceunos moi interesante a forma de traballar, de ir abrindo clínicas, e pensamos que aínda que esta non sexa unha acción urxente, si é necesaria. Pareceunos que colaborar na compra de material para novos centros é moi beneficioso socialmente, ten un impacto importante e con continuidade. Ademais, detrás hai persoas que achegan o seu tempo e os seus coñecementos para faceren un servizo moi necesario. A nosa achega económica é un gran de area máis”.

Convenio coa Fundación Montemadrid e Bankia

Madrid, 31 de marzo de 2016. Entrega de la Fundación Montemadrid y Bankia del acto de entrega de Convenios Acción Social 2015, celebrado en La Casa Encendida. Foto ©MIGUEL BERROCAL

Montaña, segundo pola esquerda, no decurso do acto celebrado en Madrid

O vicepresidente de Odontoloxía Solidaria, Rafa Montaña, recibiu o pasado 31 de marzo, en Madrid, o convenio da III Convocatoria de Acción Social da Fundación Montemadrid e Bankia, en virtude do que OS recibe 15 000 euros para a Clínica Solidaria de Madrid.

Montaña recibiu o convenio de mans do director xeral da Fundación Montemadrid, José Guirao, e o director de Responsabilidade Social Corporativa de Bankia, David Méndez, durante un acto celebrado na Casa Encendida, e xunto a representantes doutras 76 asociacións do ámbito social, das comunidades autónomas de Madrid e Castela-A Mancha, que resultaron beneficiarias desta convocatoria, cuxa dotación total é de 1 000 000 de euros.

En nome de todas estas entidades falou Andrés Aberasturi, presidente da Fundación Nido, que lembrou que “os políticos, perante unha situación de crise sempre cortan en temas sociais”. Sobre as entidades do Terceiro Sector, lamentou que algunhas tivesen que fechar, e engadiu que “outros seguimos a loitar, amparados por fundacións como Montemadrid, que salvaron a súa obra social e que oxalá desaparezan algún día: isto sería sinal de que un obxectivo está cumprido”. Un total de 65 700 persoas beneficiaranse de maneira directa destes proxectos, apoiados desde ambas as entidades.

6732 persoas atendidas por voluntarias e voluntarios da Fundación Odontoloxía Solidaria en 2015

Perante a celebración, o próximo día 20 de marzo, do Día Mundial da Saúde Oral, a Fundación Odontoloxía Solidaria quere expresar o seu compromiso cos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade, reivindicando o Dereito Universal á Saúde Oral, que do noso punto de vista debe traducirse na plena incorporación da odontoloxía no sistema sanitario público.

Desde que iniciou as súas actividades en 1994, Odontoloxía Solidaria non deixou de atender persoas en risco de exclusión social que, por causa da súa situación socioeconómica, non poden acceder aos tratamentos que precisan a prezos de mercado. En paralelo, a nosa organización pediu e continuará a pedir aos poderes públicos que asuman estes tratamentos con carácter xeral.

ONG como a nosa teñen como finalidade última desaparecer, porque iso significaría que a súa acción social deixou de ser necesaria. No entanto, e mentres a Administración non dea os pasos precisos na dirección indicada, continuaremos a traballar nas oito clínicas que a Fundación mantén abertas noutras tantas cidades do Estado español, en beneficio das capas de poboación máis golpeadas pola crise.

Durante o pasado ano 2015, as clínicas da Fundación atenderon un total de 6732 persoas, entre elas 414 crianzas de 0 a 14 anos. Estas persoas persoas chegaron até nós derivadas polos servizos sociais municipais, centros de saúde, entidades do terceiro sector ou outras vías. Algo máis de 4000 das persoas atendidas foron pacientes novas e novos, realizáronse próteses para 1247 persoas usuarias.

Mesmo así, aínda están en lista de espera outras 4424 persoas, cifra que revela a grave situación que padecen tantas persoas do noso contorno. Por todo o exposto, pensamos que os obxectivos, valores e reivindicacións de Odontoloxía Solidaria teñen máis sentido do que nunca, e neles continuamos a traballar grazas ao impulso das 362 persoas voluntarias que durante 2015 desenvolveron traballo solidario no seo da Fundación.

“A vida pode dar unha volta e un día es ti quen precisa de axuda”

Sandra Rabuñal

Sandra Rabuñal

Hoxe entrevistamos a Sandra Rabuñal, compañeira da Clínica Solidaria da Coruña. Sandra, hixienista e protesista dental de 37 anos, residente en Arteixo, soubo de Odontoloxía Solidaria cando o proxecto de abrir unha clínica na cidade galega aínda estaba en fase embrionaria. Implicouse desde o principio na iniciativa e neste momento é a Delegada Social da clínica. Nesta conversa explícanos as razóns polas que desenvolve traballo voluntario no seo da Fundación.

—Estás na clínica da Coruña desde o principio. De feito, fas parte do proxecto desde antes de que abrira.

—Si. Coñecín a Ana Otero nunha palestra no Colexio de Hixienistas á que ela fora presentar o proxecto. Diso hai xa case cinco anos. A min sempre me interesou moitísimo a cooperación e actividades semellantes. Estiven nalgúns proxectos de cooperación internacional en Marrocos e un par de veces máis no Senegal, cunha ONG que se chamaba Solidariamente, que colaboraba coa Fundación Vitaldent. O proxecto de Odontoloxía Solidaria é diferente, claro, mais interesoume deseguida, porque a verdade é que, a min, a profesión gústame ben…

A clínica tardou moito tempo en abrir as portas…

—Case catro anos, si. En todo ese tempo sempre mantivemos o contacto, e estabamos a desexar que por fin se abrise. Foi un proceso con moitas trabas, sobre todo do punto de vista político. Houbo un momento en que estiven menos en contacto coa xente, porque estaba a preparar unhas oposicións e moi centrada no meu traballo, mais desde o principio contaron comigo, até que por fin a clínica puido abrir.

—A experiencia até hoxe, é positiva?

—Moi boa. Hai moitísimo compañeirismo. Cando fas algo no que todo o mundo comparte unha mesma inquietude, as cousas funcionan mellor. A todos nos gusta a nosa profesión, e a inquietude que temos é facelo a cambio de nada para axudar a xente que non pode pagar os tratamentos. Sempre é preciso pensar que, o diá de mañá, quizá a vida dá unha volta e podemos estar nesa situación complicada nós… Somos 46 voluntarios, e entre todos traballamos o mellor posible. A experiencia é positiva, si.

—Que nos contas da relación coas persoas pacientes?

—O perfil de paciente que vén á nosa clínica é o de persoas en situación marxinal, sendo moitas estranxeiras. A min o que máis me custa é o idioma: non falo francés nin árabe, só algo de inglés, mais con boa vontade vas entendéndote con eles. Tentas tranquilizalos e explicarlles que non lles vamos facer mal, que estamos aquí para axudar. Mostrámoslles que non é unha clínica convencional, onde quizais lles berran se non aplican ben as técnicas do lavado dos dentes, que nós estamos aquí para tentar solucionar o seu problema o mellor que poidamos, e facémoslles ver que poden contar connosco para os axudar. E claro, nótalo na reacción dos pacientes. A xente é ben agradecida; tráennos cousas… Ves a ledicia da xente, maiormente a nova, cando se van da clínica con dentes.

—Es a Delegada Social da clínica. Iso comporta aínda máis implicación…

—Desde abril do ano pasado, si. Esta responsabilidade implícame, é verdade, mais Ana axúdame moito. O noso labor basicamente consiste en mediar entre os voluntarios e ter todo un pouco organizado para que o traballo saia ben, porque nun local polo que pasa tanta xente, cómpre estar pendente de que non se acabe o material e outras cuestións.

—Finalmente, que dirías a unha persoa profesional da odontoloxía para que veña facer voluntariado con Odontoloxía Solidaria? Que motivos lle darías?

—Como che comentaba antes, transmitiríalle a reflexión de que quizais o día de mañá calquera de nós estea aí. E tamén lle diría que non vamos mudar o mundo, mais que se ninguén fai nada tampouco avanzaremos. A min gústame moito unha expresión da  madre Teresa de Calcuta, que nunha ocasión dixo que pode que ás veces sintamos que o que facemos é só unha pinga no mar, mais que o mar sería moito menos se lle faltase unha pinga. Iso é o que eu lle diría.

Inaugurada a nova Clínica Solidaria de Albacete

La Clínica Solidaria de Albacete

A Clínica Solidaria de Albacete

Após máis de dous anos de traballo previo, a Clínica Solidaria de Albacete é xa unha realidade. O novo centro de Odontoloxía Solidaria foi inaugurado onte, 17 de febreiro, durante un acto ao que acudiron máis de setenta persoas.

Ademais do vicepresidente de OS, Rafa Montaña, e o presidente do Colegio de Odontólogas/os de Albacete, Ismael Tárraga, participaron no evento diversos representantes institucionais. É o caso dos alcaldes de Albacete, Javier Cuenca, e o de Tobarra, Pío Bernabéu, ben como Blanca Hernández, delegada de Saúde da Xunta de Castilla – La Mancha, e Nieves García, deputada de Servizos Sociais da Deputación de Albacete.

Tamén nos acompañaron, en tan significativa xornada, o bispo de Albacete, Ciriaco Benavente, e representantes de entidades de acción social, como Cáritas, Cruz Vermella e os Irmáns Franciscanos da Cruz Branca.

Promovida pola dra. Dolores Cuenca, a nova Clínica Solidaria ocupa un local de 85 metros cadrados na rúa Gerona de Albacete, e dispón de dúas cadeiras de dentista para atender as e os pacientes que a ela acudan. Usuarias/os que sempre chegarán á Fundación derivadas/os polos Servizos Sociais da zona.

Inauguración da nova Clínica Solidaria da Coruña

La Clínica Solidaria de A Coruña

A Clínica Solidaria da Coruña

A pesar de que a Clínica Solidaria da Coruña comezou a atender as primeiras persoas usuarias o pasado mes de abril, aínda non se encontrara o momento idóneo para inaugurar oficialmente o centro. Feitos todos os axustes de axenda que requiría a operación, a clínica de Odontoloxía Solidaria na cidade galega foi inaugurada, por fin, onte, día 2 de outubro, durante un acto ao que acudiron máis de trinta persoas.

Entre as persoas amigas e cómplices que quixeron acompañarnos neste acto, estaban a responsable de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, ben como representantes institucionais das poboacións de Arzúa, Coristanco, a Laracha, Laxe, Mugardos e Vimianzo.

Xunto con estas persoas, tamén contamos coa asistencia de delegacións de entidades de acción social da zona, como o Colexio de Traballadoras/es Sociais de Galicia e ACOPROS (Asociación Coruñesa de Promoción do Xordo/a), ademais de representantes de diversos medios de comunicación e moitas das 25 persoas voluntarias, de diversos ámbitos da odontoloxía, cos que conta a clínica na cidade.

Futuro

O fin último de Odontoloxía Solidaria é desaparecer; algo que só acontecerá cando o sistema público de saúde inclúa os tratamentos bucodentais, de maneira que ninguén fique sen servizos de saúde oral, sexa cal for a súa situación socioeconómica. No entanto, a situación actual impúlsanos a traballar máis e mellor en materia odontolóxica, e tamén a fomentar valores solidarios entre as persoas usuarias e voluntarias da Fundación.

 

A por el Futuro from Odontología Solidaria on Vimeo.

Pin It on Pinterest

Share This
X

Odontoloxía Solidaria utiliza os testemuños de conexión (ou cookies) para mellorar a vosa experiencia no noso sitio web. Ao continuares a usar o noso web, estás a aceptar a instalación de testemuños de conexión, nos termos establecidos na nosa Política de testemuños de conexión. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Pechar