Robert Monsó

Robert Monsó

Robert Monsó, médico odontólogo de 58 anos, colabora na Clínica Solidaria SOPS Badalona, que atende pacientes con VIH, e á que acode como voluntario quincenalmente. As súas motivacións solidarias teñen un vector duplo, espiritual e social, de que nos fala nesta conversa.

O teu vínculo con Odontoloxía Solidaria vén de lonxe…

— Si. Cheguei a través dunha odontóloga que eu coñecía e que colaboraba na Fundación: ela contoume como funcionaba… Comecei como voluntario en SPOTT Barcelona, onde estiven un par de anos a colaborar. Despois deixeino, e uns poucos de anos máis tarde volvín a contactar con Odontoloxía Solidaria para retomar a colaboración. Desde hai catro anos son voluntario en SOPS Badalona.

Por que decidiches retomar a colaboración?

— Quería exercer como voluntario dentro do meu ámbito laboral. Como xa tiña a experiencia da miña primeira época con Odontoloxía Solidaria, decidín regresar. Eu son cristián evanxélico e sigo a ensinanza de Xesús no que se refire a achegarse aos demais, axudalos e comprender as súas necesidades. Neste sentido, colaboro en diversas entidades. Son voluntario de Amics da Gent Gran, onde fago acompañamento dunha aboa de 103 anos, que é a veterana da ONG. Na comunidade da miña igrexa facemos doazón de alimentos, e tamén colaboro coa ONG Nova Vida do barrio do Raval en Barcelona, onde organizamos ceas para persoas sen abrigo.

Para alén da motivación que se deriva do aspecto relixioso, nesta actividade hai tamén unha compoñente social?

— Claro que si. A miña motivación de fondo é espiritual mais o que procuraba Xesús, como procuro eu, era a xustiza social, algo que non existe no mundo. Trátase de dar un pouco do que recibes á xente que o precisa.

En Badalona trátanse pacientes con VIH. Que características especiais ten traballar con estas persoas?

— Basicamente, son persoas que teñen má saúde. Cómpre estar atento aos tratamentos que se aplican, especialmente nas extraccións, polo tema da coagulación. Pero para outros aspectos non hai diferenza ningunha.

Cal é a túa experiencia ao tratar con estas persoas usuarias?

— Moi boa, hai unha relación moi boa. Eles saben que nós somos voluntarios, e sempre hai unha disposición especial, e moi bo entendemento en xeral, aínda que sempre poida existir algunha excepción. As persoas que veñen agradecen moito o traballo que facemos e fican contentas con el. Ademais de prestar un servizo, tamén recibes moito da xente que vén; basicamente, o seu agradecemento, ou o ver que están contentos cando saen da clínica coa boca arranxada, que é algo moi importante para eles por causa do traballo. É a satisfacción de facer feliz a xente.

Esa é a túa recompensa, non?

— Si, aínda que non fago isto na procura dunha recompensa. Mais si, alégrate ver que realmente estás a facer un traballo necesario, porque hai xente que non ten posibilidade de ser tratada noutro lugar.

Pensas que, en xeral, esta profesión é solidaria?

— Penso que ultimamente a cousa foi a máis, quizais porque no ámbito profesional a día de hoxe hai máis oferta que demanda. Nestes últimos anos houbo unha mudanza bastante importante na profesión. Existen varias entidades que traballan neste tema, e outras que traballan fóra do noso territorio. Eu tiven a posibilidade de colaborar en África. Isto significa que, pouco a pouco, está a ser unha profesión máis solidaria.

Fálanos da experiencia en África que referiches hai un anaco…

— Estiven na Guinea Ecuatorial. Estiven 15 días nunha clínica odontolóxica. Fixen este voluntariado cunha ONG que se chama Más que Salud, que é unha entidade cristiá evanxélica. Fomos alí profesionais de diversas especialidades médicas: medicina xeral, pediatría, odontoloxía…

Dicías antes que a profesión é máis solidaria agora do que antes. Dirías que a nosa sociedade tamén?

— Eu penso que si e que grazas a iso a nosa sociedade avanzará. Se ficásemos a agardalo dos de arriba, estabamos bos. Eu penso que hai moita solidariedade, moita xente que se move. Penso que, en xeral, temos consciencia de que cómpre ser solidario co próximo, porque nun momento determinado podes ser ti quen precise axuda. A vida dá moitas voltas e nunca sabes onde podes ir dar. Hoxe hai moita información, móvense moitas cousas, existen moitas entidades, e penso que quen quere, colabora. Neste momento non podes escusarte co descoñecemento. Non hai escusa para non colaborar.

E que se debe facer para que os de arriba tamén fagan o que corresponde?

— Boa pregunta… Penso que debían andar máis a pé e tocar un pouco máis a rúa, coñecer mellor a realidade. Paréceme que tamén son conscientes diso. Ultimamente hai partidos políticos que poñen máis énfase no problema social, quer sexa en relación á pobreza enerxética quer ao tema alimentar. Eu penso que o diñeiro pode redistribuírse doutra forma, e que no noso mundo non debía haber as carencias e diferenzas que existen actualmente. É precisa unha mudanza de mentalidade a nivel político, que pouco a pouco está a chegar.

Pin It on Pinterest

X