Cooperación Internacional

MARROCOS, TETUÁN

En 2015, a Fundación Odontoloxía Solidaria estableceu contacto coa Asociación Hanan de Tetuán (Marrocos), entidade fundada en 1969 co obxectivo de dar resposta ás necesidades de persoas con discapacidade física, intelectual e auditiva, traballando pola mellora da súa calidade de vida. A Asociación Hanan tamén procura a sensibilización das diversas Administracións e a sociedade, en xeral, sobre a problemática da discapacidade.

Odontoloxía Solidaria e Hanan estableceron as bases dun convenio de colaboración de tres anos de duración, baseado en tres eixos de traballo: a atención directa ás persoas con discapacidade por parte do voluntariado da organización, a sensibilización da comunidade educativa, e o contacto con colexios profesionais e institucións, co obxectivo de deseñar conxuntamente un plano de continuidade do proxecto a longo prazo.

Como paso previo á presenza do voluntariado de Odontoloxía Solidaria sobre o terreo, a Fundación organizou unhas xornadas en Badajoz no mes de maio de 2016, destinadas a formar as e os profesionais no tratamento de persoas con discapacidade.

As xornadas, ás que asistiron oito persoas voluntarias de diversas clínicas de Odontoloxía Solidaria, foron dirixidas polo Dr. Jesús Rueda, responsable da Unidade de Odontoloxía Hospitalaria do Servizo Estremeño de Saúde. Tamén participou nelas como formadora Rosa María Tarragó, hixienista dental de atención primaria do Servizo Aragonés de Saúde.

Posteriormente, Rueda e Tarragó elaboraron a guía Educación bucodental para persoas con discapacidade, editada por Odontoloxía Solidaria e dirixida ás persoas coidadoras e familiares deste tipo de pacientes, que requiren apoio parcial ou total no momento do lavado dos dentes. Os textos desta guía compleméntanse con ilustracións de Juan Linares, o que reforza a comprensión, por parte das persoas destinatarias, das diversas técnicas que se expoñen.

O primeiro equipo de Odontoloxía Solidaria, integrado por sete persoas, viaxou a Tetuán no mes de decembro de 2016, desenvolvendo actividades de diverso tipo durante oito días. No ámbito sanitario, o voluntariado da Fundación efectuou revisións diagnósticas a 216 alumnas e alumnos do Centro Hanan, observando un alto deterioro das bocas das e dos pacientes, con patoloxías que requirían tratamentos, extraccións, empastes e limpezas.

Unha vez realizados os diagnósticos, as persoas voluntarias puideron iniciar os tratamentos a 15 pacientes, ao tempo que se organizaba un obradoiro de promoción da saúde oral destinado a docentes, coidadoras/es e pais e nais do alumnado do centro.

Paralelamente, responsables da Fundación traballaron no ámbito organizativo, reuníndose en diversas ocasións co Dr. Abdeslam Bakouri, presidente da Asociación Hanan, ben como outros membros da Xunta Directiva da entidade, con vistas a obter as oportunas autorizacións das autoridades locais.

Realizáronse tamén proveitosos encontros co Walii da rexión de Tánxer-Tetuán-Al Hoceïma, Mohamed El Yaakoubi, e outras autoridades da Saúde. Nestas reunións conseguiuse a colaboración do Xefe de dentistas públicos do Ministerio de Saúde de Tetuán, que se comprometeu a estar presente nas futuras misións do voluntariado de OS e, posteriormente, achegar un/ha dentista semana para realizar o seguimento dos tratamentos iniciados.

Do mesmo xeito, falouse con odontólogos locais que puidesen implicarse no futuro neste proxecto e estableceuse unha coordinación co Dr. Nathan Carlson, voluntario estadounidense que realiza tarefas preventivas de aplicación de selantes con flúor.

Pin It on Pinterest

Share This
X