
Lara Vivero
Conversamos con Lara Vivero, que desde datas recentes é Delegada Social da Clínica Solidaria de Madrid. Odontóloga de 23 anos, a día de hoxe está a cursar dous mestrados, un en Ciencias Odontolóxicas e outro de Especialista en atención odontolóxica integrada na crianza con necesidades especiais, ambos na Universidade Complutense de Madrid.
─ Cando comeza o teu contacto con Odontoloxía Solidaria?
─ Fai algo máis de ano e medio. Principiei como estudante e fiquei despois como odontóloga. Souben da Fundación por Internet. Púxenme a procurar ONG que traballasen en odontoloxía e encontrei OS. Contactei por teléfono, visitei a clínica de Madrid e xa fiquei como voluntaria. Víase bastante bo ambiente, compañeirismo e sentinme a gusto inmediatamente. Cando aínda era estudante facía traballo de asistente odontolóxica: axudaba os odontólogos, recollía o instrumental, facía que as cousas fosen máis rápidas. Por parte dos odontólogos, eles ensináronme moito: explicábanme o que facían, e iso en parte foi un complemento á miña formación. Eu penso que a eles gustáballes ter unha estudante a axudar, como a min me acontece agora como odontóloga: faime ilusión poder transmitir o meu coñecemento e contribuír a que a persoa que está comigo sexa mellor profesional no futuro.
─ Tiñas algunha experiencia previa en organizacións solidarias?
─ Ningunha. Pensárao moitas veces, mais por falta de tempo e de información nunca dei o paso. Entrei en Odontoloxía Solidaria cando terminei cuarto de carreira; tiña todo o verán libre e quixen procurar algunha actividade relacionada co meu e, especialmente, coa que puidese axudar a xente que o precisaba.
─ Como se percibe Odontoloxía Solidaria no ambiente estudantil? Coñécese o suficiente?
─ Non, eu penso que non se coñece o suficiente. Os que eran os meus compañeiros de clase coñeceron Odontoloxía Solidaria porque ía eu e, de feito, tiña un par de compañeiros que viñan tamén á clínica comigo. Pero en xeral coñécese pouco. Paréceme que esta é unha área que podía potenciarse.
─ Que aprendiches na túa experiencia con OS a nivel humano?
─ Bastantes cousas. Acabas por aprender que realmente a xente que está a pasar necesidade ou está en risco de exclusión social non é tan diferente de ningún de nós. Hai moita xente que non coñece este sector da poboación, que nunca tratou con el, polo que a nivel social apréndese moito. Non se trata só do que ti achegas, creces moito no persoal e no profesional. Eu comparto plenamente a filosofía de Odontoloxía Solidaria. Paréceme que os tratamentos odontolóxicos básicos debía cubrilos a Seguridade Social, aínda que, de momento, é algo que vexo lonxe, porque a odontoloxía é custosa e en España non temos esa cultura.
─ Pensas que os poderes públicos recoñecen suficientemente o labor que realiza Odontoloxía Solidaria?
─ Penso que neste momento estamos a comezar a ter un pouco máis de recoñecemento, estamos a recibir máis subvencións de organismos que non nos deran subvencións antes… mais tamén penso que aínda nos resta camiño por percorrer nesa dirección.
─ Fálanos do día a día na Clínica de Madrid.
─ Hai moita rotación de voluntarios, no sentido de que algunha xente só pode vir un par de meses, ou despois ten que deixar de vir por motivos de traballo, e vai entrando xente nova. Tamén estamos uns cantos que levamos xa máis tempo. Mais como che dicía antes, o ambiente é moi bo, os traballadores axúdannos moito sempre que temos algún problema e tentamos axudarnos entre todos.
─ Es a Delegada Social desde fai pouco. Como encaras esta nova responsabilidade?
─ Si, desde fai pouquiño. Eu son unha especie de ponte entre os voluntarios e a organización. Encároo con ilusión, porque entre os voluntarios e a entidade tampouco hai moitos problemas. Entendémonos bastante ben.