Alejandro Leirós

Alejandro Leirós, odontólogo de 24 anos, licenciouse en xuño de 2016. Vive en Pontevedra, pero percorre con frecuencia a distancia desde a cidade onde reside até a Coruña para exercer como voluntario na nosa Clínica Solidaria. Nesta conversación afondamos na súa traxectoria na nosa entidade e nos motivos da súa relación con Odontoloxía Solidaria.

— Desde cando es voluntario na clínica da Coruña?

— Fun un par de veces como hixienista, mentres estaba a estudar o último ano de carreira. Despois, ao terminar os estudos, comecei a traballar como odontólogo nunha clínica de Madrid, que é onde estudei. Ao regresar a Galicia, incorporeime á clínica da Coruña.

— Como soubeches da existencia de Odontoloxía Solidaria?

— Por Internet. Hai xa tempo, a clínica aínda non estaba aberta. Contactei coa central e remitíronme á xente da Coruña. Fun coñecelos e ver onde se ía instalar a clínica. Nesa época aínda estaba a estudar en Madrid. Foi o meu primeiro contacto.

— Que che levou a contactar connosco e, máis tarde, a implicáreste como voluntario?

— Sempre me atraeu a idea de facer algo así, de axudar. Quería dar unha man e o de viaxar ao estranxeiro como voluntario non me atraía. Cando descubrín Odontoloxía Solidaria pensei que era ideal para min, porque me permitía ser voluntario perto de casa, atendendo a xente de aquí que precisa de axuda.

— Con que frecuencia vas á clínica?

— Actualmente vou dous días por semana. Un día enteiro e unha tarde.

— Desde Pontevedra á Coruña hai un bo treito. Non é moita viaxe?

— Eu vou con gusto. A viaxe en tren pásame lixeira. E, en todo o caso, a viaxe compénsame. Á parte do labor que facemos cos pacientes, alí hai un ambiente de traballo inmellorable. Os voluntarios somos como unha piña e sei que o vou pasar ben.

—Que nos contas do trato cos pacientes?

— Os pacientes son agradables, simpáticos. Son persoas moi agradecidas. En xeral eu encárgome de facer próteses dentarias, e iso implica unha relación longa co usuario, de aproximadamente mes e medio. Dáme tempo de ir falando, de coñecer a persoa e de gañar confianza. Encontras persoas que pasaron por situacións moi duras, e iso dá perspectiva. Un ve que non todo na vida é tan fácil para os demais como puido selo para un. Impresiona bastante, pero ao escoitar esas experiencias aprendes o que é a vida… Ao final do tratamento, ves o contentos que están con dentes, e ese momento é o que máis me gusta: gózoo e é algo que me enche. Eu son odontólogo porque me gusta o que fago: nunca estudei a carreira só para gañar diñeiro. Evidentemente, cómpre gañar diñeiro para vivir, pero á marxe diso, gústame axudar á xente.

Pin It on Pinterest

X