Tarragó (esq.) e Cuenca (dta.) a asinaren o convenio

Para a Fundación Odontoloxía Solidaria é de grande importancia establecer relacións de colaboración coas entidades que traballan sobre o terreo nas cidades onde están as nosas clínicas solidarias. Deste modo, coordínanse esforzos e conséguese dar unha mellor atención bucodental aos colectivos desfavorecidos de cada territorio. Neste sentido, o pasado 8 de abril asinouse un Convenio de Colaboración entre Odontoloxía Solidaria e a Asociación Profesional de Hixienistas Bucodentais de Aragón (HIDES Aragón).

Con este acordo, e entre outros compromisos, a Fundación comprométese a dar prioridade ás e aos hixienistas bucodentais asociadas e asociados a HIDES Aragón, á hora de realizaren o seu labor voluntario na Clínica Solidaria de Zaragoza. Do mesmo xeito, existe outro acordo entre OS e o IES Miguel Catalán da capital aragonesa, coa finalidade de que o alumnado deste centro de formación profesional desenvolva as súas prácticas de hixiene bucodental na clínica de Zaragoza.

A Dra. María Dolores Cuenca, presidenta de Odontoloxía Solidaria, e Rosa Tarragó, presidenta de HIDES Aragón, asinan o convenio entre ambas as entidades. Entre os compromisos de Odontoloxía Solidaria recollidos no acordo, destaca tamén a organización conxunta de actividades formativas, como cursos, congresos, seminarios, proxectos de investigación e outros, sobre temas que sexan de interese mutuo das institucións. Pola súa banda, HIDES Aragón adopta, entre outros, o compromiso de promover o labor da Fundación Odontoloxía Solidaria entre as persoas asociadas.

O convenio ten vixencia anual e será renovado de maneira automática por períodos idénticos dun ano, se ningunha das partes expresa reparos ao respecto. HIDES Aragón e Odontoloxía Solidaria constituirán unha Comisión Mista paritaria, integrada por un par de representantes de cada entidade que se reunirán, como mínimo, unha vez por ano, co obxectivo de “compartiren a información e o balanzo do ano anterior, poderen planificar o exercicio presente e debateren todos os temas propostos por ambas as entidades”.

Pin It on Pinterest

X