A norma regula diversos aspectos relativos ao funcionamento da entidade

A última reunión do Padroado da Fundación Odontoloxía Solidaria aprobou o documento Bo goberno e boas prácticas de xestión, destinado a regular diversos aspectos do funcionamento da entidade. O documento contempla como grandes ámbitos cuestións relativas á transparencia e a comunicación, o control e a supervisión financeira, o goberno da Fundación, o funcionamento e adopción de acordos por parte do Padroado e o Comité Executivo, as relacións da Fundación con doantes e voluntarios ou o funcionamento do equipo de xestión, así como aspectos relacionados coa aceptación, cumprimento e verificación das normas de bo goberno e boas prácticas. Anéxanse tamén o Regulamento de réxime interno do Delegado Social de clínica, o Protocolo de Voluntariado e os Protocolos de Tratamento.

Entre outros aspectos, a normativa fixa que a Fundación contará con fontes de financiamento que garantan a súa autonomía financeira, especificando que “non aceptará achegas económicas que condicionen o cumprimento dos seus obxectivos, valores ou principios, que poñan en perigo o cumprimento dos seus fins, ou cuxo orixe sexa ilícito ou non sexa transparente”. O respecto á ética e ás leis “inspirará a actuación de quen integra a Fundación, o que implica dilixencia, boa fe e primacía dos fins da Fundación”, remarca o texto.

As normas adoptadas polo padroado regulan tamén a transparencia en relación cos seus doantes, especificando entre outras cuestións que “a Fundación respectará a vontade dos seus doantes sen modificar ou aplicar as súas achegas a un destino distinto ao manifestado por aqueles, sen contar coa súa autorización expresa”; do mesmo xeito, proporcionará a esta doantes “información precisa e veraz sobre o destino dos fondos, distinguindo as cantidades aplicadas ao financiamento dos programas, das destinadas a gastos administrativos e das dedicadas á captación de fondos”.

No relativo ao voluntariado, e sempre entre outras normas, o documento fixa que “para o cumprimento das súas funcións, a Fundación proporcionará aos voluntarios a formación adecuada, directamente ou a través de terceiros”. Tamén se subscribirá “unha póliza de seguro, adecuada ás características e circunstancias da actividade desenvolvida polos voluntarios, que lles cubra dos riscos de accidente e enfermidade derivados do exercicio da actividade voluntaria, así como pola responsabilidade civil por danos causados a terceiros que puidese ser esixida ao voluntario ou á Fundación”.

O seguimento e control da aplicación destas normas será competencia do Padroado de Odontoloxía Solidaria, que “velará polo seu coñecemento e cumprimento, así como a súa actualización, tomando, en caso de vulneración, as decisións procedentes”.

Pin It on Pinterest

X