O Palau de la Música de València

O Palau de la Música de València acollerá un concerto en beneficio de Odontoloxía Solidaria do que a Piccolo Unión Musical de Mislata será a protagonista. A cita será o próximo 11 de xuño (19:30 horas) na Sala Iturbi do Palau. É a terceira vez que a referida formación musical actúa en beneficio da Fundación, após as espléndidas sesións acontecidas en 2013 e 2015.

Desta vez participarán na gala catro agrupacións da Piccollo Unión Musical de Mislata. Na primeira parte, poderemos gozar da Banda-Orquesta Cracks, dirixida por Inma Moya, e da Jove Banda, baixo a dirección de Alejandro Galarza. Despois do descanso, ocuparán o escenario da Sala Iturbi a Orquestra Sinfónica da UMMI, dirixida por José Antonio Cavero, e a Banda Sinfónica da UMMI, novamente dirixida por Alejandro Galarza. Esta última agrupación actuará acompañada dun coro de 200 cantoras e cantores.

Esta variedade de formacións permite, segundo indican desde a Piccolo Unión Musical, “observar os valores que transmite a música, desde os intérpretes máis novos até os nosos maiores”. A iniciativa envolve un equipo de vinte persoas a traballaren para a coordinación dos 300 músicos e músicas que pasarán polo escenario.

As e os artistas prepararon un programa “moi diverso e e ameno”, do que nos adiantan a presenza no repertorio de pezas “moi espectaculares e para todos os públicos”, como Danzón núm. 2 para orquestra, de Arturo Márquez, Libertadores, de Óscar Navarro, ou Lluna mediterrània, de Teodoro Aparicio, entre outras. Desde a Piccolo Unión Musical sinalan tamén que “desta vez vamos ter algunha sorpresa”, que loxicamente non revelan totalmente, aínda que adiantan “unha impoñente posta en escena” e un final no que a proposta podería enriquecerse con algún elemento de danza.

O prezo para asistir a esta nova tarde-noite de música e solidariedade é de cinco euros por persoa. Os billetes poden adquirirse desde o sitio web do Palau de la Música de València.

Pin It on Pinterest

X