Entrevistas

“Un pouco de cada un é moito para todos”

Jesús López Espinosa

Jesús López Espinosa

Jesús López Espinosa, odontólogo de 34 anos, comezou como voluntario na Clínica Solidaria de Madrid hai dous anos e medio. Estudou a carreira na Universidade Europea de Madrid. Na actualidade ten a súa propia clínica na cidade, e tamén colabora como especialista noutros centros. Esta é a súa experiencia e opinión sobre o traballo que desenvolve Odontoloxía Solidaria.

— Por que te enrolaches como voluntario na clínica de Odontoloxía Solidaria en Madrid?

— A partir de certa altura comecei a procurar sitios onde facer voluntariado. A miña primeira idea era viaxar, mais dei co proxecto de Odontoloxía Solidaria en Madrid. Decidín probar, e até hoxe. A experiencia está a ser moi positiva. Eu só fago endodoncia e, como hai moitos pacientes que as precisan, trato de aproveitar ao máximo todo o tempo que estou na clínica, para facer todas as endodoncias que poida. Vou lixeiro, e aínda que non paso moito tempo a falar coa xente, o trato cos pacientes é bo. Entendo que se podo facer unha endodoncia máis é mellor para eles que se estiver a preguntarlles pola familia e tal. Na miña clínica falo máis coa xente, mais aquí trato de facer todo o traballo posible, porque é o que se precisa. A primeira idea era ir á clínica un día cada dúas semanas, mais non é estraño que me pidan que vaia algún día máis; cousa que fago encantado.

— Que te motiva para ser voluntario?

— A necesidade da xente. Entendo que é preciso, e que non é necesario ir moi lonxe para colaborar, porque no mesmo Madrid hai xente que o pasa mal e que podemos atender. Paréceme que un pouco de cada un é moito para todos. Se ti pos un granciño de area, contribúes para que haxa un pouco máis de xustiza social. Hai xente á que a vida non lle foi ben, que non tivo tanta sorte como nós, e non é xusto que esta xente ou seus fillos carezan de acceso aos tratamentos odontolóxicos. Eu quero dedicar unha parte do meu tempo a tentar paliar isto, porque me parece que é o máis xusto. Imaxina que todos os dentistas de España o fixesen, que fosen media hora cada quince días a ver un ou dous pacientes: todo o mundo, incluída a xente que non ten recursos, estaría cuberto.

— Hai unhas semanas participaches na formación que se deu en Badajoz, centrada no trato con pacientes con discapacidade. Que tal a experiencia?

— Foi interesante. Fomos ver o protocolo do Servizo Estremeño de Saúde para as crianzas con discapacidade, porque traballaremos coa Asociación Hanan, de Tetuán, nun proxecto destas características. Gustoume ben a experiencia de Badajoz, o ver como teñen os protocolos e como funciona o tratamento con anestesia de pacientes especiais no hospital. Foi moi interesante tratar co Dr. Rueda. Coñecino en novembro en Barcelona, cando recibiu o Premio OS. No final da súa palestra fun saudalo, mais non falamos moito. Cando estiven en Extremadura, trabei unha moi boa relación con el.

— Pensas que Odontoloxía Solidaria está nun bo momento?

— A parte organizativa non a coñezo moi ben. Mais no día a día vexo que vai funcionando ben. Penso que damos un bo servizo aos pacientes, e que é unha cousa ben bonita. Tamén che digo que sempre se poden mellorar cousas.

“ESTAMOS NO MUNDO PARA FACERMOS MÁIS FÁCIL A VIDA DOS DEMAIS”

Irene Iglesias Rubio

Irene Iglesias Rubio

Conversamos con Irene Iglesias Rubio, odontóloga de 41 anos e residente en Segovia. Irene coñeceu Odontoloxía Solidaria cando estaba a estudar na Universidade Complutense de Madrid, e rapidamente comezou a colaborar coa Fundación, chegando a facer parte do Padroado da nosa entidade. Tamén é unha destacada blogueira en temas de saúde bucodental.

—  Fálanos da túa traxectoria en Odontoloxía Solidaria. Como comezou todo?

— Pois estando aínda a estudar a carreira na Complutense. Un amigo tiña que facer a memoria de licenciatura sobre un tema de prevención que implicaba ver crianzas, e foi Odontoloxía Solidaria a que lle deu a oportunidade de traballar con elas. A partir de aí, comecei a colaborar. Primeiro ía á Clínica Solidaria de Madrid a axudar este compañeiro e, despois, xa fiquei como voluntaria. Mentres estaba a estudar, ía axudar os dentistas. Limpaba: era moi feliz limpando as cadeiras de dentista. Desde que estaba no instituto quería ser dentista, e simplemente estar perto dunha cadeira de dentista xa me puña moi contenta. Era feliz limpando as cadeiras, limpando os armarios, ordenando o material… Non era, nin é, política de Odontoloxía Solidaria que o estudantado traballe cos pacientes, e eu estaba de acordo. Un tempo despois, a partir do ano 2001, entrei a facer parte do Padroado, no que estiven un par de lexislaturas. Actualmente non teño tanta dispoñibilidade como nos primeiros anos, mais continúo vinculada dunha maneira máis puntual. Teño o meu “microproxecto” solidario na cadea de Segovia, aínda que quizais só cada dous anos teña un paciente que poida ser atendido cos criterios que temos nós. Hai escasas semanas puxen unha prótese, mais penso que non o facía desde hai algúns anos.

— Por que ao coñecer Odontoloxía Solidaria te implicaches tan rapidamente e con tanto entusiasmo?

— Ao primeiro, por axudar e por coñecer de perto o que era unha clínica dental. Fíxome sentir útil desde o primeiro momento e, ademais, había moi bo ambiente de traballo. Mais, sobre todo, por axudar, porque cando ti axudas recibes máis do que dás. Ves mundo a través dos ollos dos pacientes, cousas que non verías se ficases fechada no teu mundo de resinas compostas e implantes “megaguais”… Tamén pola prevención. A prevención coñecina só e exclusivamente a través de Odontoloxía Solidaria: a non agresión, o ter coidado para que o que fagas non sexa peor que o que xa trae o paciente. Iso aplícoo constantemente na miña clínica, e é o que me lembra a miña vocación. Mais insisto en que a motivación principal é axudar. A solidariedade é importante porque mañá podes ser ti quen está do outro lado. Canta xente estaba ben situada hai cinco ou seis anos e agora é paciente de Odontoloxía Solidaria? Penso que estamos postos no mundo para facermos a vida máis fácil aos demais. Neste sentido, coa odontoloxía eu podo axudar a que a xente teña unha vida máis fácil, e outra persoa axudarame a min noutra cousa. Cada un sabe o que sabe, e eu penso que temos a obriga moral de compartirmos o coñecemento co resto das persoas.

— A experiencia no Padroado foi positiva?

— Totalmente. Foi unha época de aprendizaxe moi intensa. Eu non sabía nada en comparación con todo o que sabían os meus compañeiros, de todo o que eran capaces de dar. Eran xente que estaba moi por encima de min, como persoas e como dentistas. Tamén me dei conta de que levar adiante todo este labor require un traballo de gabinete tremendo, que moitas veces os voluntarios non poden valorar porque non o coñecen directamente. As decisións que se toman nunca son as dunha soa persoa, sempre se toman por consenso, e ás veces hai disparidades de criterio, de maneira que temos que pórnos de acordo para que as cousas saian adiante. Este proceso tamén é ben bonito.

— Ves a Fundación nun bo momento?

— Crecemos moito. Xa somos maiores; deixamos atrás a fase adolescente na que nos econtrabamos cando entrei eu. Penso que estamos a dar pasos firmes e que somos a referencia en temas de saúde oral e solidariedade en España e na Europa.

— Hai un par de anos, comezaches co teu blogue Evidientemente, dedicado a temas de saúde oral. Con que obxectivo o puxeches a andar?

— Xurdiu porque penso que a odontoloxía é unha profesión que a xente non coñece, que

simplemente teme. E penso que a xente tampouco sabe o barato, o fácil e o eficaz que é ter saúde bucodental. Facer chegar este coñecemento paciente a paciente é moi lento, non es un axente multiplicador. A través das redes, dáste conta de que chegas a moita máis xente e es capaz de conseguir mellor os obxectivos de saúde. A xente ten dúbidas que son moi fáciles de resolver por parte dos dentistas, mais non llas preguntan. E ás veces os dentistas apenas están centrados en solucionar as caries, ou en decidir se colocan a restauración dunha porcelana ou doutra. Mais iso non che soluciona a saúde, son só parches. O persoal sanitario ten que comunicar, saber explicar e isto a través das redes é moi fácil, moi barato, e penso que non se me dá mal. O obxectivo é explicar á poboación o que facemos os dentistas e como previr as enfermidades.

— No teu blogue aseveras que no gremio existen algúns prexuízos contra a lactación, un tema que abordaches con frecuencia…

— Existe un descoñecemento atroz dos temas de lactación entre os dentistas. É o mesmo que acontece cando a un pediatra lle preguntas sobre os dentes, que non ten idea. Ás veces, dentistas e pediatras din cousas que non contan con base científica. O primeiro que recomendan perante unha crianza con caries que viron mamar na sala de espera é que sexa destetada… sen interesárense pola dieta, polo consumo de azucre, polas condicións do cepillado ou polo ambiente familiar en que vive a crianza. Dáme moita mágoa que a lactación, que é un período tan bonito que pasas con teu fillo (e pode durar o que queiras ti e o que queira o neno), se deixe de lado sen investigar máis.

— De feito, o teu traballo como blogueira céntrase moito na saúde oral durante o período de cero a tres anos. Que especificidades ten a odontoloxía neste caso concreto?

— Ten patoloxías moi frecuentes, como as maloclusións (anaraxias) e as caries, e os condicionantes de relación que teñen as crianzas. Cando estás a atender unha crianza, en realidade non atendes un paciente, atendes unha familia ou, como mínimo, a díade nai-bebé. Non me vale explorar apenas a crianza, teño que explorar a unidade familiar. Teño que coñecer como teñen a boca os pais, teño que ver como é a relación entre nai e fillo e entre os pais, porque moitas veces hai unha má relación entre os pais e isto pode repercutir directamente na saúde bucodental das crianzas. A crianza pode ter enfermidades, claro que si, mais non esquezamos que estamos na primeira dentición (dentes de leite), e isto é un ensaio para a que será a dentición definitiva. Se os factores de risco que temos de bebé continúan máis adiante, vamos ter un adulto enfermo. Esta idade é moi boa para corrixir.

“Aquí encontrei xente con moita calidade humana”

Rosa M. Tarragó

Rosa M. Tarragó

Falamos con Rosa María Tarragó durante unha pausa dunhas xornadas en Badaxoz nas que se forman voluntarias e voluntarios de Odontoloxía Solidaria que participarán no proxecto que a Fundación ten na Asociación Hanan, de Tetuán (Marrocos). Hixienista oral de 39 anos, residente en Zaragoza, Rosa María ten ampla experiencia no trato con pacientes con discapacidade, como as persoas que serán atendidas no ámbito do proxecto referido.

— Como te implicaches neste proxecto?

— Foi un pouco por casualidade. En maio de 2015 eu facía parte da xunta directiva da Asociación Profesional de Higienistas Bucodentales de Aragón, que organizara unha carreira solidaria a prol de Odontoloxía Solidaria. Nunha reunión coa xente da Fundación en Zaragoza, faláronnos do proxecto de Marrocos. Daquela eu traballaba no Servizo Estremeño de Saúde co doutor Jesús Rueda, nunha unidade na que atendiamos pacientes con discapacidade. Díxenllo, a Fundación púxose en contacto co doutor Rueda e desde Odontoloxía Solidaria suxeriron que colaborásemos na formación dos voluntarios que habían ir a Marrocos. Estamos a formar os compañeiros que viaxarán a Tetuán para tratar persoas con discapacidade.

— Que particularidades ten o traballo con este tipo de pacientes?

— O traballo con estas persoas precisa moita paciencia e moita formación específica. Ás veces seméllase á odontopediatría, porén resulta ben máis complicado. Son pacientes que teñen unha patoloxía de base, de maneira que reciben máis polimedicación. Hai quen ten a lingua máis grande do normal, ou quen non poden abrir ben a boca. Tamén hai quen non deglute ben ou quen ten movementos incontrolados. O traballo co paciente é moi complexo e, ademais, cada discapacidade ten unha singularidade que debes coñecer, porque non é o mesmo tratar unha persoa con síndrome de Down que unha con autismo, por exemplo.

— Que tipo de equipos humanos esixe o tratamento con persoas discapacitadas?

— Equipos multidisciplinares. Non estou a referirme só ao fundamental, ao dentista e ao hixienista, senón que tamén é preciso falar moito cos educadores, os centros, as familias… É moi importante facer un bo traballo de prevención, tentar que os coidadores cepillen moi ben estes pacientes, porque por moi bo traballo que ti poidas facer tecnicamente, as melloras deben poder manterse despois. A persoa con discapacidade depende totalmente do coidador, de maneira que é preciso facer formación en colexios e centros de día tanto, para os profesores como para os logopedas ou os coidadores. Colabórase tamén con terapeutas ocupacionais, traballadores sociais e enfermeiras de xeriatría. Desta forma, aprendes moitísimo.

— E no que se refire ao trato coas familias dos pacientes?

— É fundamental. Cos pais aprendes moito no que se refire ao trato cos pacientes. Se en odontopediatría o recomendable é que os pais non estean presentes mentres traballamos (aínda que ás veces lles deixamos estar), neste caso é o contrario. O pai e a nai teñen que estar dentro, porque van dicirche como é o neno: como podemos actuar para que se distraia e colabore. Cada paciente ten unha singularidade moi especial e, aínda que coñezas técnicas e experiencia, é complicado traballar con el sen esta axuda.

— Esta colaboración con Odontoloxía Solidaria é a túa primeira experiencia nunha ONG?

— Si, é a primeira vez. Co meu home, que tamén é sanitario, sempre falei de colaborar cunha organización así, de maneira que cando coñecín Odontoloxía Solidaria fiquei encantada. Estou disposta a axudar en todo o que poida para tratar de facer un mundo máis xusto. Na Fundación coñecín xente estupenda e moi solidaria, con moita calidade humana. Ademais de axudar a xente, penso que tamén está moi ben coñecer outros profesionais cos que tes valores en común.

“Para min a solidariedade é unha obrigación moral”

Mayte García Reguero

Mayte García Reguero

Hai persoas que, pola súa ligazón a Odontoloxía Solidaria, coñecen a nosa Fundación desde diversas perspectivas. É o caso de Mayte García Reguero, que ocupou diversas responsabilidades na entidade, desde o voluntariado, cando aínda era estudante, até a presidencia da organización, pasando por outras etapas tamén significativas. Odontóloga de 38 anos de idade, Mayte traballa na súa propia clínica en Madrid, e falou connosco da súa experiencia na Fundación.

— Como soubeches da entidade?

— Aínda estaba a estudar. Era estudante de terceiro de odontoloxía… sería no ano 1999. Souben da existencia da Fundación por unha odontóloga dunha clínica á que eu ía facer prácticas. Ela ía de vountaria á clínica de Madrid, colaborara con Mercè Morató nun proxecto que se fixo na india, e como sabía que eu era voluntaria na Cruz Vermella, faloume de Odontoloxía Solidaria. A través dela coñecín a Fundación, porque daquela non tiñamos sitio web nin nada.

— A partir dese momento, comezas a desenvolver unha intensa actividade en Odontoloxía Solidaria…

— Comecei a colaborar na clínica de Madrid, primeiro como asistente odontolóxica, porque aínda era estudante. Cando terminei a carreira fiquei como voluntaria. Despois estiven a traballar para Odontoloxía Solidaria nun proxecto que tiñamos na Comunidade de Madrid. Desenvolviamos un programa de rehabilitación de persoas drogadictas en colaboración coa Agencia Antidroga. Odontoloxía Solidaria gañou o concurso público deste programa e eu fiquei como odontóloga, xunto con outra doutora. Falamos do ano 2001. Pasei uns poucos de anos a traballar neste proxecto. Máis tarde, convidáronme a facer parte do Padroado. Entrei como vogal e, xa en 2004, colaborei no proxecto que tiñamos en Angola. Fun con Fede Gerona, e uns anos despois tamén estiven en Serra Leoa. Ao tempo, mentres José Manuel Díaz era presidente de Odontoloxía Solidaria, eu fun vicepresidenta. E ao deixar el o cargo, en 2010, a Presidencia recaeu en min. Estiven durante dous mandatos.

— O voluntariado interesouche desde moi nova. Por que razón?

— En realidade, máis que interesarme, para min é unha obrigación moral. Para min, axudar a xente na medida en que un pode é importante. Foi, e segue a ser, unha parte moi importante da miña vida. As cousas deben ser melloradas. Está moi ben queixarse, mais cómpre ir alén da queixa: implicarse e actuar. Sempre o pensei así. Antes de coñecer Odontoloxía Solidaria xa era voluntaria noutros sitios porque, para min, é algo vital. Sempre quixen pór da miña parte, quizais por algún afán de xustiza social e, no caso da odontoloxía, para reivindicar o dereito á saúde bucodental.

— Que foi o mellor e o peor de ser presidenta de Odontoloxía Solidaria?

— O mellor, a bagaxe persoal e o que aprendín dos meus compañeiros. A xente ensinoume moitas cousas. Como voluntario, un sempre está moi satisfeito e moi cheo polo agradecemento das persoas que axuda. Como presidenta foi unha etapa para min dura, porque eu son de estar ao pé da trincheira e facer o que me gusta. Mais hai outros labores que tamén son precisos e que quizais son menos gratificantes, máis orientados á xestión e outras cuestións que talvez non son unha maneira de axudar o próximo tan bonita nin tan directa. Aprendín moito das persoas que estaban comigo no Padroado. Houbo un enriquecemento persoal ao ter contacto con xente tan diferente, con pensamentos ás veces diverxentes do meu, mais interesante en calquera caso. Aprendín a ver Odontoloxía Solidaria con outros ollos, e a valorar tamén o traballo que fai a xente que non está coa man no dente, como digo eu, mais que achega cousas ben importantes. Ás veces foi duro porque pasamos unha temporada con moitas dificultades económicas, e porque estaba en perigo a sustentabilidade da entidade. Por sorte, grazas ao traballo de todos e a eses maos momentos, hoxe estamos onde estamos, e continuamos a crecer.

— Antes falábasnos dos proxectos en Angola e Serra Leoa nos que traballaches. Que lembranzas tes destas experiencias en África?

— Penso que é do mellor que fixen en Odontoloxía Solidaria. Coñecía ben a situación aquí, mais sempre quixera colaborar no exterior. É unha das experiencias máis gratificantes que tiven, porque che abre os ollos a unha realidade que até aí só ves no Telediario, mais non a cheiras, non a tocas, non a apalpas. Cando estás alí ves directamente situacións que, ás veces, son moi difíciles: ves a xente a pasar fame e a morrer de fame. Foi positivo porque me ensinou o que é importante na vida, por que cousas cómpre preocuparse e por que cousas non paga a pena preocuparse. Eu xa sabía que era unha privilexiada, mais cando fun alí puiden constatalo, e iso impulsoume a revisar a miña escala de valores. Cando chegas alí, queres axudar moito máis do que podes realmente. Nós, unha ONG pequeniña, fomos cunhas expectativas, mais despois a realidade imponse e ves que outras cousas que hai por encima. Mais penso que iso nos fixo ser máis realistas, e axudounos a pensar os proxectos desde outro nivel, moito máis práctico e efectivo, e en colaboración con xente do territorio.

— Como ves Odontoloxía Solidaria neste momento? Que pensas do futuro da Fundación?

— Despois de ter pasado, máis ou menos, por todos os niveis, estou moi contenta. É como un neno pequeniño que ves que comeza a andar só. Antes eramos poucas clínicas e coñeciámonos todos. Agora estamos presentes practicamente a nivel nacional; crecemos, temos un voluntariado moi forte e as perspectivas son realmente moi boas. Sempre haberá cousas que mellorar, mais como eu vivín os momentos difíciles, faime moi feliz ver o momento no que estamos.

“Sendo voluntaria síntome mellor comigo mesma”

Esther Serrano

Esther Serrano

Clínica Solidaria da Coruña ten dúas Delegadas Sociais: Sandra Rabuñal, a quen entrevistamos hai pouco tempo, e Esther Serrano, con quen conversamos hoxe. Odontóloga de corenta anos, orixinaria de Murcia, en cuxa universidade cursou os seus estudos, Esther compaxina o seu traballo nunha clínica privada da cidade galega co voluntariado en Odontoloxía Solidaria.

— Desde cando estás na Clínica Solidaria da Coruña?

— Desde antes da súa apertura. Eu quería facer voluntariado aquí, e a miña primeira idea foi facelo coa Asociación Contra o Cancro porque, tal como ocorreu a tanta xente, na miña familia houbo casos desta enfermidade. Fixen unhas primeiras xestións neste sentido, mais xusto naquel momento lembrei que existía Odontoloxía Solidaria, aínda que naquela época non coñecía demasiado ben a organización. Seguramente vira algunha cousa no Facebook e pouco máis. Procurei na internet, enviei un correo e dixéronme que estaba previsto abrir na Coruña, mais daquela non se coñecía a data exacta. En paralelo, coñecín a Brais Andújar, sen eu saber aínda que el facía parte de Odontoloxía Solidaria, e pregunteille se sabía algo da Fundación. E claro que sabía, porque el e Ana Otero eran quen impulsaban o proxecto! A partir dese momento, vinculeime ao proxecto e á entidade.

— Dixeches que naquela época decidiras participar como voluntaria nalgunha organización. Que che levou a dar ese paso?

— Hai uns anos o meu home decidiu irse formar a Boston, e eu funme con el. Como sabes, nos Estados Unidos dan moita importancia ao voluntariado, e eu metinme nunha asociación de dentistas hispanos que facía moito traballo coas comunidades hispanas, e que tamén captaba mozos para carreiras dentarias, quer fose para hixienista, asistente odontolóxico, odontólogo… Gustoume moito esa experiencia e, cando volvín a España quixen seguir ligada ao mundo do voluntariado. Antes de ir aos Estados Unidos nunca explorara esta faceta, e descubrín que me motiva máis do que moitas outras cousas. Resúltame moi motivadora porque (e quizais sexa algo completamente egoísta) me sinto moito mellor comigo mesma. Paréceme que o traballo que facemos en Odontoloxía Solidaria é unha forma de facer xustiza, por dicilo dalgunha maneira… Non todo o mundo ten a sorte que tiven eu na vida, e isto é unha forma de devolvela.

— Fálanos da túa experiencia na clínica da Coruña.

— Fenomenal, a verdade. Desde o primeiro día. A clínica funciona moi ben, hai moi boa relación cos compañeiros e vai aumentando o número de voluntarios. Hai tan bo ambiente que mesmo temos unha antiga paciente que se involucrou como voluntaria! É unha rapaza venezolana que estudou Comunicación no seu país e agora vén como voluntaria administrativa… Hai bo clima e eu penso que se nota moito. No que concirne ao trato cos pacientes, tamén é moi bo. Son persoas que con frecuencia che contan cousas da súa vida que che fan pensar no ben que estás ti. Axúdanche a gañar perspectiva sobre a vida, e a entender que non te podes queixar nin da metade do que te queixas. Son moi boa xente e moi bos pacientes, moi respectuosos e agradecidos.

— E que tal as túas responsabilidades como delegada social?

— Eu, basicamente, o que tento facer é captar voluntarios. Falo a todo o mundo de Odontoloxía Solidaria por se queren colaborar: compañeiros de traballo doutras cínicas, xente da universidade… Téntoo con todo o mundo. Para tentar convencelos dígolles, basicamente, que veñan vernos e estean un día na clínica connosco. E despois, que fagan o que quixeren. O que facemos aquí paréceme moito máis motivador do que o traballo nunha clínica privada, e como todo o mundo se leva tan ben… penso que esta é a nosa mellor carta de presentación.

“Debemos centrarnos en atender a poboación máis desfavorecida do noso contorno”

Rosa Maria Gutiérrez de Pando

Rosa Maria Gutiérrez de Pando

Rosa Maria Gutiérrez de Pando traballou moi intensamente con Odontoloxía Solidaria durante a década pasada, desenvolvendo proxectos tanto na América Latina como no noso país. Médica estomatóloga de 59 anos, actualmente desenvolve o seu labor profesional nun Centro de Atención Primaria de Mataró (Barcelona), labor que compaxina coa súa actividade no sector privado. Rosa Maria conversou connosco de todo o vivido e do rumbo actual da Fundación.

— De que época vén a túa ligazón máis activa a Odontoloxía Solidaria?

— Falamos do ano 2000, aproximadamente. Fixen algúns traballos de campo internacionais e, despois, participei en pór a andar a Clínica Solidaria de Granollers.

— Onde desenvolviches accións internacionais?

— En Bolivia. Estiven no sur do país, co proxecto de Izizog, cos indios guaranís. Conseguimos que se establecese un dentista alí, e que o enfermeiro se formase tamén como protesista. Neste momento funcionan perfectamente pola súa conta: traballan para a comunidade sen axuda externa. Iso é o interesante do proxecto, e penso que é un dos grandes éxitos que tivo Odontoloxía Solidaria no ámbito da cooperación internacional. Lembro que o dentista boliviano que che comentaba antes casou cunha moza guaraní, de maneira que está totalmente integrado na comunidade. Fixen varias viaxes a Bolivia e teño moi bos recordos daquela época. Había outros centros de saúde en comunidades máis pequenas e percorriamos a zona en ambulancia. Vacinábanse crianzas, desparasitábase e aproveitabamos tamén para extraer dentes cando era preciso. Axudounos o Colegio de Dentistas de Santa Cruz, e mais unhas monxas que había na área. Grazas aos promotores de saúde puidemos facer un importante labor de prevención, ensinando hixiene oral ás crianzas das escolas e aos adultos das comunidades.

— Como dicías, algo máis tarde participas en pór a andar a clínica de Granollers. Como foi?

— Até entón algúns de nós, na consulta privada, atendiamos persoas economicamente desfavorecidas que nos chegaban a través de asistentes sociais ou por outros medios, mais esa forma de traballar non era eficaz nin adecuada. Por iso, pensamos en abrir unha clínica solidaria como as que xa funcionaban en Madrid ou Valencia. Lembro que o doutor Oriol Montaña nos axudou moito nos inicios, até que conseguimos un local e comezamos a montar o centro e a traballar con moitísima ilusión. Tiñamos ben claro que esa clínica respondía a unha necesidade, con certeza, mais que tamén era unha forma reivindicación perante as institucións, de facer ver que nós estabamos a facer un traballo que, en realidade, era da súa competencia.

— Fixeches parte, tamén, do Padroado da Fundación…

— Si, dúas veces, durante dúas lexislaturas. Foi unha experiencia ben interesante, porque no ámbito do Padroado había moitas visións diferentes. Eramos xente de toda a parte. Entre todos fomos chegando á conclusión de que, aínda que se puidese desenvolver traballo internacional, o máis importante era o que tiñamos máis perto. Aquí temos unha demanda inconmensurable, á que é preciso responder.

— Antes de entrar en Odontoloxía Solidaria, fixeras parte dalgunha outra ONG?

— Non, anteriormente non. Souben de Odontoloxía Solidaria grazas a información que enviaba Mercè Morató desde Menorca para dar a coñecer a entidade. Contactei e, un tempo despois, fun coñecendo persoas como Alfred Miranda, un protesista que traballaba no proxecto SPOTTXavier MaristanyMarta Pulido, Rafa Montaña… xente fantástica, un moi bo equipo co que comezamos a desenvolver proxectos.

— Como valoras a situación actual de Odontoloxía Solidaria?

— Agora, por motivos laborais, estou un pouco desvinculada. Penso que os fundamentos da entidade continúan a ser os mesmos. Son os que son, e así debe ser. Mais tamén vexo que se procuran novos camiños, que é algo necesario. Penso que cómpre procurar novas fórmulas para atender a poboación máis desfavorecida do noso contorno. Podemos ofrecer asesoramentos internacionais, colaborar en proxectos, mais penso que os recursos deben investirse maioritariamente aquí. Cómpre agradecer a ilusión, o esforzo e a profesionalidade dos nosos voluntarios, que co seu traballo desinteresado fixeron posible que as nosas clínicas distribuídas por toda España poidan atender tantas persoas. O voluntariado é imprescindible para continuarmos o noso labor, e desde aquí convido a que máis persoas da nosa profesión se xunten a nós.

“A vida pode dar unha volta e un día es ti quen precisa de axuda”

Sandra Rabuñal

Sandra Rabuñal

Hoxe entrevistamos a Sandra Rabuñal, compañeira da Clínica Solidaria da Coruña. Sandra, hixienista e protesista dental de 37 anos, residente en Arteixo, soubo de Odontoloxía Solidaria cando o proxecto de abrir unha clínica na cidade galega aínda estaba en fase embrionaria. Implicouse desde o principio na iniciativa e neste momento é a Delegada Social da clínica. Nesta conversa explícanos as razóns polas que desenvolve traballo voluntario no seo da Fundación.

—Estás na clínica da Coruña desde o principio. De feito, fas parte do proxecto desde antes de que abrira.

—Si. Coñecín a Ana Otero nunha palestra no Colexio de Hixienistas á que ela fora presentar o proxecto. Diso hai xa case cinco anos. A min sempre me interesou moitísimo a cooperación e actividades semellantes. Estiven nalgúns proxectos de cooperación internacional en Marrocos e un par de veces máis no Senegal, cunha ONG que se chamaba Solidariamente, que colaboraba coa Fundación Vitaldent. O proxecto de Odontoloxía Solidaria é diferente, claro, mais interesoume deseguida, porque a verdade é que, a min, a profesión gústame ben…

A clínica tardou moito tempo en abrir as portas…

—Case catro anos, si. En todo ese tempo sempre mantivemos o contacto, e estabamos a desexar que por fin se abrise. Foi un proceso con moitas trabas, sobre todo do punto de vista político. Houbo un momento en que estiven menos en contacto coa xente, porque estaba a preparar unhas oposicións e moi centrada no meu traballo, mais desde o principio contaron comigo, até que por fin a clínica puido abrir.

—A experiencia até hoxe, é positiva?

—Moi boa. Hai moitísimo compañeirismo. Cando fas algo no que todo o mundo comparte unha mesma inquietude, as cousas funcionan mellor. A todos nos gusta a nosa profesión, e a inquietude que temos é facelo a cambio de nada para axudar a xente que non pode pagar os tratamentos. Sempre é preciso pensar que, o diá de mañá, quizá a vida dá unha volta e podemos estar nesa situación complicada nós… Somos 46 voluntarios, e entre todos traballamos o mellor posible. A experiencia é positiva, si.

—Que nos contas da relación coas persoas pacientes?

—O perfil de paciente que vén á nosa clínica é o de persoas en situación marxinal, sendo moitas estranxeiras. A min o que máis me custa é o idioma: non falo francés nin árabe, só algo de inglés, mais con boa vontade vas entendéndote con eles. Tentas tranquilizalos e explicarlles que non lles vamos facer mal, que estamos aquí para axudar. Mostrámoslles que non é unha clínica convencional, onde quizais lles berran se non aplican ben as técnicas do lavado dos dentes, que nós estamos aquí para tentar solucionar o seu problema o mellor que poidamos, e facémoslles ver que poden contar connosco para os axudar. E claro, nótalo na reacción dos pacientes. A xente é ben agradecida; tráennos cousas… Ves a ledicia da xente, maiormente a nova, cando se van da clínica con dentes.

—Es a Delegada Social da clínica. Iso comporta aínda máis implicación…

—Desde abril do ano pasado, si. Esta responsabilidade implícame, é verdade, mais Ana axúdame moito. O noso labor basicamente consiste en mediar entre os voluntarios e ter todo un pouco organizado para que o traballo saia ben, porque nun local polo que pasa tanta xente, cómpre estar pendente de que non se acabe o material e outras cuestións.

—Finalmente, que dirías a unha persoa profesional da odontoloxía para que veña facer voluntariado con Odontoloxía Solidaria? Que motivos lle darías?

—Como che comentaba antes, transmitiríalle a reflexión de que quizais o día de mañá calquera de nós estea aí. E tamén lle diría que non vamos mudar o mundo, mais que se ninguén fai nada tampouco avanzaremos. A min gústame moito unha expresión da  madre Teresa de Calcuta, que nunha ocasión dixo que pode que ás veces sintamos que o que facemos é só unha pinga no mar, mais que o mar sería moito menos se lle faltase unha pinga. Iso é o que eu lle diría.

“Aínda vexo lonxe o día en que a odontoloxía entre na sanidade pública”

Blanca Gómez de Balugera

Blanca Gómez de Balugera

A primeira clínica de Odontoloxía Solidaria comezou a funcionar en Madrid en 1995. Foi posible grazas á xenerosidade de Blanca Gómez de Balugera, que cedeu a súa propia clínica á nosa entidade para ese fin. Blanca, odontóloga de 58 anos, reside actualmente entre Ávila e Górliz (Bizkaia). Nesta entrevista fálanos das circunstancias vividas naqueles primeiros anos de camiñada de Odontoloxía Solidaria, da que foi presidenta durante un par de anos.

— Procedes de Odontoloxía Sen Fronteiras, a entidade que no seu día se fusionou con Odontoloxía Solidaria. Como lembras o momento da fusión de ambas as organizacións? Por que adoptastes esta decisión?

— Pareceunos que era algo lóxico. Soubemos da existencia de Odontoloxía Solidaria e doutra entidade que se dedicaba ao mesmo que nós. Xuntámonos en Menorca con esta finalidade, mais esa terceira entidade saíu, non quería saber nada co resto. As outras dúas decidimos que, como che dicía, fusionármonos era o máis lóxico. Como podiamos ir separadas se queriamos facer o mesmo! Tratábase de xuntar forzas.

— Antes da fusión, ¿que te levara a implicarte en Odontoloxía Sen Fronteiras?

— Na miña consulta privada comezara a tratar crianzas da Fundación Anar. Coñecín unha monxa que traballaba con estas crianzas, mozas e mozos acollidos en casas, e díxenlles que se querían vir á clínica eu daríalles o tratamento que precisasen de modo gratuíto, para que tivesen unha atención odontolóxica todos os anos. Ese foi o principio. Eran crianzas que, ou tutelaba a Comunidade de Madrid ou non tiñan pais e vivían en casas con estas monxas, ou con psicólogas… Despois acudín a Médicos do Mundo para preguntarlles se sabían dalgún sitio para facer voluntariado en odontoloxía, e faláronme de Chema Renilla, de Odontoloxía Sen Fronteiras. Entón contactei con el e comezamos a traballar xuntos.

— Máis tarde desenvolves un papel moi importante para que se poida crear a primeira Clínica Solidaria de Madrid, porque a cedes ti…

— Si, en 1995. Esa era a miña clínica. Eu deixeina porque do ámbito privado non gustaba nada, de maneira que cedín a clínica.

— Non obstante, aínda que deixabas a actividade, podías tela vendido a outro dentista. Mais preferiches cedela á organización antes do que facer negocio…

— Ben, si. Mais como eu tiña ingresos por outro lado, puiden facelo. A cousa xurdiu así. Necesitabamos unha clínica, e pronto.

— Por que dis que a odontoloxía privada non che gusta nada?

— Porque a min paréceme que a medicina non debía ser privada. A min o que realmente me gusta é a medicina. Vexo a odontoloxía como un ramo da medicina, e reivindico que a odontoloxía entre na sanidade pública. Mais a miña sensación é que aínda está lonxe ese día…

— Tamén fuches presidenta de Odontoloxía Solidaria un tempo. Que lembras daquela experiencia?

— Si, funo por volta dun par de anos. Eu estaba en Madrid e, á hora de traballar cos papeis, era máis fácil que eu fose a presidenta. Era por unha razón práctica. Teño un moi bo recordo desa primeira época de Odontoloxía Solidaria. Na clínica de Madrid a xente era moi xeitosa e fixemos un grupo con xente moi agradable e moi solidaria. Ao principio estiven como voluntaria. Despois, ao establecermos os primeiros contactos con universidades e entrar xente nova, centreime nos temas máis institucionais.

— Volvamos ao presente. Que che parece o actual rumbo da Fundación?

— Pois a verdade é que cando estiven na reunión do vixésimo aniversario, vin que estaba fenomenal, que funcionaba fenomenal. Tivemos unha época de crise na que estabamos moi asfixiados, mais co que estou a ver ultimamente estou encantada. Vexo que se incorporou xente nova e que as cousas funcionan moi ben. Fiquei agradablemente sorprendida.

“Traballando desinteresadamente, sinto o que é ser odontólogo”

Brais Andújar

Brais Andújar

Antes de finalizar o ano, quixemos charlar co noso compañeiro, Brais Andújar, impulsor da Clínica Slidaria da Coruña, que comezou a atender as primeiras usuarias e usuarios o pasado mes de abril. Brais, odontólogo de 35 anos, traballa na súa propia clínica privada na cidade galega, e destina o seu tempo libre ao voluntariado. Fai parte do Padroado de Odontoloxía Solidaria, en calidade de tesoureiro. Nesta conversación revélanos os valores que sustentan o seu traballo solidario.

— Como descubriches Odontoloxía Solidaria?

— En 2009 a miña muller, Ana, e eu, decidimos montar unha clínica dental solidaria, mais non sabiamos que existía Odontoloxía Solidaria. Procurando por internet clínicas semellantes á que queriamos abrir, demos coa Fundación. Chamamos, convidáronnos a coñecer a clínica de OS en Madrid, e comezamos a establecer lazos.

— Por que decidiras montar unha clínica dental solidaria? Que te impulsou?

— Ao rematar a carreira traballei en Guatemala durante un par de anos nunha clínica dentaria solidaria dunha fundación norteamericana. Ao regresar quería continuar con este traballo, quería facer algo semellante aquí.

— Que te mostrou esta experiencia previa en Guatemala que despois quixeches repetir aquí?

— Cando traballas como profesional da saúde sen que o paciente che teña que pagar, sentes o que verdadeiramente é a odontoloxía, cal é verdadeiramente o teu valor como profesional. Non obstante, cando hai un intercambio económico, desvirtúase un pouco esta relación cos pacientes. Traballando desinteresadamente, sinto o que é ser un odontólogo. Encontro, por dicir así, a parte máis pura da miña profesión.

— Regresemos ao teu primeiro contacto con Odontoloxía Solidaria. Como foi?

— Recibíronnos xenial, comentáronnos un pouco de que ía e, un tempo despois, coñecemos a Rafa Montaña, que viñera a Galicia para unhas palestras no Colexio de Hixienistas. E pouco a pouco fun implicándome. Pareceume que Odontoloxía Solidaria era unha Fundación sinxela, abarcable e transparente, da que inmediatamente quixen facer parte. Non é como esas ONG de tamaño enorme, que ás veces non sabes ben de que van nin por onde entrar. Odontoloxía Solidaria ten unha función moi clara, está todo moi estruturado.

— En que momento entras a facer parte do Padroado?

— En 2010, precisamente cando a Deputación da Coruña nos cedeu o local. Nese momento considerouse que debiamos ter representación no Padroado.

— Desde as primeiras xestións até que a Clínica Solidaria da Coruña se puxo en marcha pasou bastante tempo. Como foi o proceso? Foi angustioso nalgún momento?

— Pasaron case seis anos, si. Houbo momentos algo angustiosos, é verdade, porque pasaron lapsos de tempo de inactividade absoluta e de falta de noticias, episodios de bloqueo institucional e burocrático. Mais tamén é verdade que houbo complicidades. A Deputación ten uns traballadores sociais magníficos, que sempre estiveron aí, e eles encargáronse de transmitir o noso proxecto ao político que en cada momento nos tocou. Grazas a estes traballadores sociais e ao Xefe de Patrimonio, conseguimos que, a pesar das tres mudanzas de goberno que houbo durante todo este tempo, o proxecto seguira vivo e puidera ser levado adiante. O papel destas persoas foi fundamental

— Como están as cousas na Clínica Solidaria da Coruña neste momento? Respírase un bo ambiente de traballo?

— Actualmente a clínica abre catro mañás á semana, e ten un equipo de 35 voluntarios entre hixienistas, asistentes e odontólogos. Hai uns días vimos o paciente número 100. En canto ao ambiente, é moi positivo. De todos os voluntarios que viñeron, debéronse de ir un par, porque se mudaron de cidade. A sensación que dá o proxecto é de estabilidade, de crecemento estable. Cada vez hai máis voluntarios. A xente que vén pide traballar máis días, e cada vez veñen máis pacientes. A xente está comprometida co proxecto.

— Para rematar, e após a recente experiencia da Asemblea Anual celebrada en novembro, dinos como ves o presente da Fundación.

— Creo que esta é unha Fundación que dá un servizo moi necesario. E que nunca faremos o suficiente. Por iso creo que debemos esforzarnos por facer ver ao Goberno a necesidade que hai de incorporar ao sistema público de sanidade os tratamentos que facemos. Creo que a través da nosa Fundación temos que traballar para convencer as Administracións de que é posible que a sanidade pública asuma estes tratamentos. Estamos a crecer e somos un exemplo de como se pode xestionar a atención dentaria a toda a poboación de maneira viable economicamente.

Pin It on Pinterest

Share This
X